A Deputación da Coruña celebrou a V Gala da Cultura no Teatro Colón da Coruña
O Teatro Colón acolleu a cita, presentada por Susana Pedreira e Xoán Fórneas e coa actuación de Caamaño&Ameixeiras, onde se entregaron os premios ás persoas e proxectos gañadores dos certames culturais convocados polo departamento provincial de Cultura durante o último ano
O Teatro Colón acolleu esta quinta feira a V Gala da Cultura da Deputación da Coruña, unha cita que converteu un ano máis o escenario nun escaparate do talento e da diversidade da creación cultural galega. A gala, centrada nesta edición na sorte como parte da identidade cultural galega e inspirada nos sanandresiños de Santo André de Teixido, estivo presentada pola xornalista Susana Pedreira e o actor e músico Xoán Fórneas, e contou coa actuación musical de Caamaño&Ameixeiras.
A representación da corporación provincial estivo encabezada polo seu presidente, Valentín González Formoso, e pola deputada de Cultura, Natividade González, acompañados doutros deputados e deputadas.
González Formoso, destacou a importancia de apoiar o talento, tanto na educación como na cultura. Puxo como exemplo a historia de Rosa Crujeiras, a nena dunha pequena escola rural de Artes á que lle chegaron a dicir que con saber “as catro regras era suficiente”, e que hoxe é a primeira reitora da Universidade de Santiago nos seus máis de 500 anos de historia.
Subliñou que historias coma esta “fannos reflexionar sobre a importancia de non poñer límites ao talento polo lugar no que nace unha persoa”. “Durante moito tempo, a moita xente dixéronlle até onde podía chegar. Desde a Deputación queremos facer xusto o contrario: abrir oportunidades, detectar o talento e acompañalo para que poida desenvolverse con liberdade en calquera recuncho da provincia”, afirmou.
Natividade González reivindicou a cultura como “un dereito vivo, conectado coa realidade, que non pode entenderse separado da vida da xente”, e defendeuna como “unha práctica social viva, compartida” que contribúe á transformación social e á construción de identidade colectiva. A deputada de Cultura destacou que a gala “permite recoñecer o talento e a creatividade artística en moi diferentes campos» e puxo en valor o papel das persoas premiadas como exemplo «dunha cultura que nos constrúe como pobo, que nos conecta coa nosa lingua, coa nosa memoria e coa nosa maneira de estar no mundo”.
A responsábel provincial subliñou ademais que “non hai futuro para Galiza sen cultura”. González defendeu tamén a cultura galega como “un valor no mundo global” e reivindicou con orgullo “a nosa lingua e a nosa singularidade como pobo”.
Proposta artística
Os sanandresiños de Santo André de Teixido foron os grandes protagonistas da proposta estética e escenográfica da gala, como símbolo da sorte e da tradición popular galega reinterpretada en clave contemporánea. A súa presenza marcou a ambientación do escenario e os elementos visuais do evento, e estendeuse tamén á fachada do Teatro Colón, decorada durante os días previos como parte da intervención artística vinculada á celebración.
As premiadas nesta edición foron foron: Premio Begoña Caamaño á acción cultural pola igualdade de xénero: Mala Herba Producións (iniciativa) e Illa Bufarda (traxectoria); Luis Seoane de Deseño: D-Due; José Gil de Cinema en Galego: Ángela Andrada (guión de longametraxe de ficción en lingua galega), Borja Casal Fraga (guión de longametraxe documental en lingua galega) e Margarita Ledo Andión (traxectoria); Jesús Núñez de Arte Gráfica: Regina Giménez; Luis Ksado de Creación Fotográfica: Juan de la Quintana; Certame de Arte Isaac Díaz Pardo: Ana Gesto Beiroa; Torrente Ballester de Narrativa: Estro Montaña (en lingua galega) e Pablo Escudero Abenza (eb lingua castelá); Castelao de Banda Deseñada: Manuel Barreiro e Elías Taño (xeral) e Giovanna Lopalco (infantil e xuvenil); Manuel Murguía de Ensaio: Xosé Manoel Núñez Seixas; Raíña Lupa de Literatura Infantil e Xuvenil: Antía Yáñez Rodríguez; Concurso Quero Cantar: Gael Ares (infantil) e Emma Pérez e Candela Caamaño (xuvenil); Internacional Andrés Gaos de Composición Musical: Aitor Vázquez Torres (modalidades orquestra e ensemble); Concurso Fran Pérez 'Narf' para grupos e artistas musicais: Belém Tajes.