Denuncian que o Concello de Culleredo pagou "de forma ilegal" facturas do Morriña Festival

O BNG local asegura que no expediente consta unha autoliquidación, a nome do Concello de Culleredo, dun Canon de ocupación do dominio público, por valor de 17.391,28€ e hai dúas facturas pagadas con reparos da Intervención por valor de 32.360,90€, en concepto de compra de entradas para o Festival.
O Morriña Festival de Culleredo na edición 2021 (Foto: Morriña Festival)
photo_camera O Morriña Festival de Culleredo na edición 2021 (Foto: Morriña Festival)

O BNG de Culleredo informa, a través dun comunicado, que o Concello de Culleredo efectuou un pago de 49.752,18 euros en concepto de compra de entradas e de pago da "Tasa Canon de ocupación e aproveitamento no dominio público marítimo-terrestre que non debería ter realizado".

O Grupo nacionalista local explica que “malia a negativa do Goberno Municipal, no Pleno do pasado mes de xaneiro, de ter realizado o pagamento desa taxa, no expediente do Festival consta unha autoliquidación da mesma perante o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.

Autoliquidación na que o Concello de Culleredo figura como suxeito pasivo, por un importe de 17.391,28€, e que debía ser pagada polos organizadores do Festival”.

Ademais, sinalan que o Concello de Culleredo “abonou 32.360,90 euros en concepto de compra de entradas, tal e como se recolle na listaxe de facturas pagadas con reparos da Intervención”. Unha actuación que, para o BNG, “significa que foron pagadas sen contar cun procedemento legal que asegure que se respectaron os trámites requeridos pola Lei de Contratos do Sector Público, e non houbo ningún informe que avalara o interese cultural, económico e/ou xurídico de financiar o evento”.

Por este motivo, denuncian que foron “case 50.000 euros gastados sen documento algún que conteña un contrato, sen ningún tipo de estudo do retorno económico para o Concello e as empresas locais, e cando as asociacións e entidades culturais de Culleredo levan 2 anos agardando polas convocatorias das subvencións necesarias para o desenvolvemento das súas actividades e pasando grandes dificultades para a súa supervivencia”.

O BNG asegura que non puido localizar ningún documento que conteña un contrato entre o Concello e a empresa organizadora. “Esta contaba cunha previsión de beneficios, antes da realización do festival, duns 70.000 euros”, afirman desde o BNG, “finalmente parece que foron cubertos en grande medida polas aportacións do Concello de Culleredo, aínda que Alcalde negou no Pleno Municipal que o Concello fora patrocinador do Festival, malia figurar como tal nos carteis promocionais”.

Diante desta situación, a formación nacionalista exixe que “o Goberno de José Ramón Rioboo aclare de maneira convincente as dúbidas que envolven todo o referente á celebración deste festival e que, por outra parte, poña mans á obra para liquidar as súas débedas coas asociacións e entidades culturais do noso Concello”.

Aliás, demandan que “os cartos gastados irregularmente deben ser aportados polos membros do goberno municipal”. 

Comentarios