Darío Xohán Cabana será homenaxeado na Coruña o Día da Poesía

A homenaxe, de entrada libre, terá lugar na Fundación Luís Seoane (A Coruña) e poderá seguirse tamén en directo desde academia.gal e a canle de Youtube da RAG.
Darío Xohán Cabana (Foto: Nós Diario).
photo_camera Darío Xohán Cabana (Foto: Nós Diario).

A Real Academia Galega (RAG) celebrará o próximo 23 de marzo o Día da Poesía cunha homenaxe a Darío Xohán Cabana (1952-2021) no cal a súa familia, amizades e outros creadores recitarán versos do escritor e académico, unha das grandes voces das letras galegas contemporáneas.

O acto

A homenaxe, de entrada libre, terá lugar na Fundación Luís Seoane (A Coruña) e poderá seguirse tamén en directo desde academia.gal e a canle de Youtube da RAG.

O público recibirá a plaquette de 'Darío Xohán Cabana, estirpe de labradores', un volume coordinado pola directora da Sección de Literatura da Academia e colaboradora de Nós Diario, Marilar Aleixandre, que reúne os poemas seleccionados e os textos sobre o autor e a súa obra escritos para a ocasión polas persoas que tomarán a palabra. O Día da Poesía conta co apoio da Deputación da Coruña.

O encomio

Tras a apertura do acto a cargo do presidente da Academia, Víctor F. Freixanes, e a propia Aleixandre, a secretaria da institución e compañeira de xeración de Darío Xohán Cabana, Margarita Ledo Andión, pronunciará o encomio do homenaxeado nunha tarde que conducirá a académica de número Ana Romaní.

Tras iso, a tamén compañeira de corporación Chus Pato e Marilar Aleixandre recitarán poemas do escritor xunto a Pepe Barro, Marica Campo, Xoán Ramiro Cuba, Xosé María Álvarez Cáccamo, Anxo Angueira, María Alonso Seisdedos e Alexandra Cabana Outeiro, filla de Darío Xohán Cabana. A súa poesía escoitarase ademais arroupada pola música nunha actuación de Lois Pérez.

Comentarios