Culturgal, Premio da Crítica ás Iniciativas culturais

Murguía de Xosé Ramón Barreiro foi galardoado co premio de Investigación e Transmuta de Xabier Cordal como a mellor Creación literaria deste 2013.

A trixésimo quinta edición dos Premios da Crítica vén de dar a coñecer os proxectos premiados nun certame desenvolvido en Vigo baixo o verso rosaliano "auga lima en fresca fonte". Os xurados de cada sección fallou no decurso dun xantar desenvolvido no Hotel Os Escudos que contou coa presenza do conselleiro de Educación, Xesús Vázquez, o presidente da RAG, Alonso Montero; Miguel Santalices, vice-presidente do Parlamento ou os líderes de PSdeG e BNG, José Ramón Gómez Besteiro e Xavier Vence. 

'Murguía' de XoséRamón Barreiro recibiu o Premio á Investigación pola súa combinación entre o rigor metodolóxico e o atractivo narrativo

O encargado de dar comezo ao acto --que foi conducido por Inmaculada López-- foi o presidente da Fundación Premios da Crítica de Galiza, Bieito Ledo, quen lembrou a figura de Rosalía de Castro, cuxa obra Cantares Gallegos cumpre este ano o trixésimo sexto aniversario da súa publicación e tamén de Roberto Vidal Bolaño, autor ao que se lle dedicaron as Letras Galegas neste 2013. 

Entre os galardoados atópanse o Culturgal, recoñecido co Premio da Crítica á mellor iniciativa cultural. Neste senso, @s integrantes do xurado salientaron a súa contribución á "profesionalización das industrias culturais" e o seu labor no "empoderamento cultural da sociedade civil" malia "a redución de apoio institucional". 

Transmuta de Xabier Cordal, Premio da Crítica á creación literaria

Xunto a el, o Premio da Crítica á Creación literaria recaeu en Transmuta de Xabier Cordal unha obra que "anoa", asegurou o xurado, "a intimidade e o sentido comunitario" nun texto que dá voz, afirmaron, "á vida núa" que "resiste sendo pura existencia". Tamén así, o ensaio Murguía de Xosé Ramón Barreiro foi distinguido como a mellor obra de Investigación polo seu "rigor metodoloxico" e a capacidade do seu autor para combinar "o traballo de investigación" co "atractivo da dimensión narrativa". 

No eido das Artes plástica, Xulio Gil, foi galardoado por unanimidade como a mellor obra pola "calidade e orixinalidade" das súas fotografías após 40 anos de traxectoria. Así mesmo, a compañía Voadora, recibiu o Premio da Crítica ás Artes escénicas e audiovisuais pola súa "linguaxe escénica", salientaron @s integrantes do xurado. A musicalidade dos seus espectáculos como Waltz e Tokyo 3 que aliás, aseguraron, "procuran outros públicos" e "novas formas de produción". 

A listaxe completa de galardoad@s nesta 35ª edición dos Premios da Crítica, foron:
“Transmuta” de Xabier Cordal, Premio de Creación Literaria
“Murguía” de Xosé Ramón Barreiro , Premio de Investigación
“Taller Atlántico Contemporáneo”, Premio de Música
“Culturgal”, Premio de Iniciativas Culturais
“Xulio Gil”, Premio de Artes Plásticas e Visuais
“Voadora”, Premio de Artes Escénicas e Audiovisuais

Comentarios