Cristina Pato, música: "Desde que me retirei dos escenarios deixei de desfrutar da música como o facía antes"
A música, escritora e educadora galega Cristina Pato (Ourense, 1980) vén de publicar con Galaxia a súa segunda novela. Fóra de foco conta unha historia de mulleres "entre os 40 e os 50 anos", mulleres que cuestionan "os piares onde se sosteñen os seus camiños vitais". Pato deixou os escenarios hai cinco anos. Actualmente está centrada na docencia e na literatura e confésase "feliz".
—De onde saíu a inspiración para esta nova incursión na literatura?
Esta novela nace das moitas cuestións que fun acumulando cos anos con respecto á relación entre a vida e o traballo nas profesións artísticas, da relación entre o público e o privado, e da relación coa soidade. Comparto coas protagonistas desta historia moitas das preguntas que as levan a cuestionar os piares onde se sosteñen os seus camiños vitais nun momento moi concreto das súas vidas: entre os corenta e os cincuenta anos.
—Nesta ocasión a protagonista é a xornalista Marieta Carracedo e unha intensa investigación sobre a fotógrafa Basil Cancela. As mulleres inspiran outras mulleres?
Sempre me considerei moi afortunada, pois veño dunha familia de mulleres independentes (son a pequena de catro irmás) que me ensinaron a camiñar pola vida coas súas experiencias. Dalgún xeito nesta novela tamén están presentes esa relación entre nós, e os referentes que nos imos atopando ao longo das nosas vidas, e o que supón achegarnos a eles, aínda que sexa a través da investigación, como lle pasa a Marieta. Aínda que esa idea de “referentes” sexa tamén algo complexa, especialmente cando a vida dunha se volve pública.
—Que papel ocupa a música nestes intres na produción artística de Cristina Pato?
Hei de recoñecer que desde que me retirei dos escenarios, hai agora cinco anos, por razóns que aínda non son capaz de entender, deixei de desfrutar da música como o facía antes, deixei incluso de tocar e de ir a concertos. E dalgún xeito a escrita foi ocupando ese lugar da miña vida interior.
—Nun momento no que os datos sobre o uso do galego, tamén na literatura, non son os mellores, é máis importante que nunca escribir literatura en galego?
Eu, como tantos outros da miña xeración, crieime escoitando aos meus pais falando galego entre eles, e falando castelán con nós, a seguinte xeración. A diglosia sempre estivo presente na nosa familia, e para min segue a ser un fenómeno fascinante. Eu tomei a decisión hai dez anos de escribir en galego tanto as miñas columnas semanais para o xornal coma as miñas novelas. Son consciente de que con cada lingua que falo (galego, castelán e inglés) teño unha voz distinta, un xeito de expresarme completamente distinto, e a miña voz literaria, a miña voz creativa, é en galego, no galego dos meus pais, coa súa musicalidade.
—Recibiu o Premio Clara Campoamor á igualdade de oportunidades. Tamén o feminismo está no foco da loita social. Como ve a situación das mulleres na Galiza e en xeral?
Dicía Campoamor que “é imposíbel imaxinar unha muller dos tempos modernos que, como principio básico de individualidade, non aspire á liberdade”, e cada día, ao ler as novas tanto locais como internacionais, son consciente de que esa busca da liberdade non sempre é un dereito. Por iso é unha responsabilidade constante de todas para con todas, pois hoxe temos máis claro que nunca que, aínda que quede moito for facer, todo o avanzado tamén poder mudar radicalmente nun segundo.