La Cristina, a esquecida fábrica viguesa que produciu o papel no que se imprimiu 'Cantares gallegos' de Rosalía de Castro
Juan Compañel utilizou papel desta empresa para imprimir, entre outras obras, o Diccionario de autores gallegos de Murguía.
O río Lagares estreou nos últimos meses un novo tramo do sendeiro que o acompaña até a súa desembocadura na ría de Vigo. Pasarelas e pontes de madeira permiten agora visitar o que posibelmente sexa o tramo máis bonito do curso de auga que cruza o núcleo urbano da cidade olívica.
Ao seu paso pola rúa Severino Cobas, un miradoiro permítenos achegarnos a unha fervenza de perto de 30 metros que leva o Lagares a atravesar un bosque de ribeira antes de internarse nunha sucesión de polígonos loxísticos e industriais.
Mais nesta panorámica, na marxe dereita do río e a carón da fervenza, hai tamén un elemento que pasa desapercibido para a gran maioría de visitantes. Un edificio de pedra de varias plantas érguese sobre o Lagares sen sinalización algunha que indique que estamos ante o inmóbel que acolleu a que foi a segunda iniciativa de fabricación de papel continuo da Galiza.
Industria papeleira galega
A primeira foi La Concepción, en Cesar, no concello de Caldas de Reis (comarca de Caldas), impulsada polos Rivero de Aguilar en 1862 e que funcionaba grazas á enerxía hidráulica proporcionada polo Umia.
A segunda, La Cristina, construída no extinto concello de Lavadores (hoxe parroquia viguesa), posibelmente nun lugar no que xa existía un muíño papeleiro que comercializaba papel elaborado seguindo o método descontinuo tradicional. Impulsada tamén en 1862 por Velázquez Moreno, con Ángel de Lema e Juan Compañel. O primeiro, dono da imprenta e director de Faro de Vigo; o segundo, dono da imprenta que levaba o seu nome e director de El Miño.
O propio Compañel, segundo se cita en O marmurio das ondas, escribiu unha crónica sobre a apertura de La Cristina na que exaltaba o progreso, as máquinas e o “espírito da asociación patrio” para que o país tivese empresas propias como símbolo de “prosperidade e grandeza da Galiza”.
Así, de La Cristina saíu papel para estampar tanto a cabeceira viguesa como as obras que Compañel imprimía na súa imprenta da rúa Real. A primeira obra impresa con papel de La Cristina puido ser o Diccionario de escritores gallegos (1862) de Manuel Murguía, pois así figura nunha nota de Compañel estampada na obra: “Impreso [...] en papel da fábrica La Cristina, Vigo". E é, polo tanto, tamén probábel que os Cantares gallegos (1863) de Rosalía de Castro saíran do prelo tamén con papel fabricado coa forza do río Lagares.
A seca que afectou o río vigués poucos anos despois de inaugurar a fábrica augurou un mal futuro para a papeleira, sendo a auga o motor da mesma. A empresa fecharía cara a 1865 e case 140 anos despois fica aínda non só o inmóbel, senón tamén a canalización construída augas arriba para levar o Lagares cara a fábrica e que, a día de hoxe, é tamén un dos grandes atractivos do sendeiro. Un conxunto arquitectónico que esmorece e que, xunto a, entre outras, a fábrica de Álvarez —situada a poucos centos de metros de La Cristina—, testemuña a potencia do pasado industrial de Vigo.
