A AELG lembra Rosalía de Castro no 188 aniversario do seu nacemento
No acto de homenaxe, decorrido no Panteón de Galegas e Galegos Ilustres, non faltaron palabras para lembrar o xenocidio do pobo palestino a mans de Israel e contra o “espolio” da Galiza con proxectos como a mina de Touro-O Pino ou a macrocelulosa de Altri na Ulloa.
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) celebrou este sábado un acto para homenaxear Rosalía de Castro —un día antes de que se fagan 188 anos do nacemento da escritora—. O acto central tivo lugar no Panteón de Galegas e Galegos Ilustres, situado na igrexa de San Domingo de Bonaval, na capital galega, onde se levou a cabo unha lectura de poemas rosalianos e unha ofrenda floral.
O presidente da AELG, Cesáreo Sánchez, foi o encargado de abrir a xornada cun discurso no que reivindicou a figura da escritora e fixo referencia á guerra en Gaza e ao proxecto industrial que Altri quere instalar no municipio de Palas de Rei (A Ulloa).
A continuación, Marga do Val leu o manifesto da asociación, unha lectura na que reivindicou "o dereito para vivir en galego" e "saúde para a lingua". Pero tamén "saúde" para pronunciarse por Gaza, pola memoria de "todas as mártires asasinadas en Palestina" e saúde "por non ser cómplices do xenocidio, despois de Armenia, despois de Auschwitz e despois de Rwanda".
"Saúde para impedir o espolio, ese franquismo no interior da mina de Touro. Saúde para impedir a destrución da terra que queremos, do país dos mil ríos, para contra todo, nun abrazo popular, de mans dadas polo Ulla, gritamos até a ría de Arousa, alto e claro: Altri, Non!", recolle o manifesto.
Lectura de poemas e ofrenda
A continuación, varios dos asistentes procederon a ler poemas da autora, e entre os participantes estivo a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín ou o histórico dirixente nacionalista Xosé Manuel Beiras.
Así mesmo, asistiron ao acto outras figuras como as concelleiras María Rozas e Míriam Louzao; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González, ou a deputada do BNG Mercedes Queixas, entre outros.
Neste sentido, a alcaldesa de Santiago reivindicou a muller "transgresora" que foi Rosalía e definiu a poeta como "vangardista e pioneira". Ademais, asegurou que se Rosalía estivese viva "mobilizaríase pola lingua".
Finalmente, realizaron unha ofrenda floral en memoria da autora e soou o himno galego. Ademais, o acto homenaxe contou con varias representacións musicais que correron a cargo da Coral da Asociación Cultural e Musical Solfa.
Actos por todo o país
Ademais do acto central decorrido en Compostela, a AELG promoveu actos por todo o país para reivindicar a figura de Rosalía de Castro. Entre eles, esta sexta feira, en Lugo, coa colaboración da Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello, deuse lectura tamén ao Manifesto da asociación. No mesmo, alumnado do CEIP Veleiro Docampo de Castro Ribeiras de Lea e escritoras e escritores da cidade participaron nunha lectura pública da obra de Rosalía, que rematou cunha ofrenda floral en homenaxe á autora.
Este mesmo sábado, en Vigo, coorganizado pola AELG e a Asociación Cultural O Castro, na Imprenta de Juan Compañel —que en 1963 imprime Cantares Gallegos— e no local da Asociación Cultural A Revolta, tivo lugar a colocación da ofrenda floral. Na Revolta deuse lectura ao Manifesto e a poemas de Rosalía, e as persoas asistentes puideron degustar o Caldo de Gloria.
En Pontevedra foi Lucía Novas a encargada de ler o Manifesto, nun acto ambientado polo colectivo O Fruto e a Serpe, onde o público tamén foi convidado a participar nun recital de micro aberto. A actividade forma parte das propostas do Concello de Pontevedra e o seu Servizo de Normalización Lingüística con motivo do Día de Rosalía de Castro.
A Agrupación Cultural Alexandre Bóveda da Coruña celebrará o Día de Rosalía o propio domingo, 23 de febreiro, nun acto diante do Teatro Rosalía de Castro no que Beatriz Maceda Abeleira dará lectura ao manifesto. Tamén se lerán textos da autora de Padrón (O Sar).
Festival Rosalía
Ademais, este sábado a praza de Mazarelos de Santiago acolleu a inauguración oficial do Festival de Rosalía, organizado pola Deputación da Coruña en colaboración co Concello de Santiago, que acolle a sétima edición do evento para conmemorar o 188º nacemento da escritora con música, poesía, teatro, pasarrúas e numerosas actividades relacionadas coa súa figura.
O festival reiniciará a súa programación este domingo ás 14 horas cunha sesión vermú en Mazarelos que correrá a cargo de Clo Plas, "un proxecto performativo conformado polo artista Berio Molina e a escritora Xiana Arias".
Así mesmo, o Colexio Maior de Santo Agostino e o Teatro Principal albergarán outras iniciativas artísticas e unha obra de teatro para o público familiar dedicada a Rosalía de Castro.


