mércores 08.04.2020

Para levar mellor este #euquedonacasa" nace Pandemia de Contos

Pandemia? Si, mais de contos! Esa é a proposta virtual que desde o colectivo NOGA, antes Narración Oral Galega, botaron a andar para vivir en positivo estes días de illamento. Caxoto, Cris de Caldas, Brais das Hortas ou Atenea García saltan así a Youtube para compartir con todas unha sorte de narracións. Gostamos da idea e para matar a curiosidade falamos un chisco con Atenea García, contadora profesional e unha das artistas que podemos ver na canle Pandemia de Contos.  
Unha iniciativa que nace do colectivo NOGA de narradoras orais galegas.
Unha iniciativa que nace do colectivo NOGA de narradoras orais galegas.

Cóntenos como botou a andar o colectivo NOGA?

O colectivo NOGA, que nun principio se chamaba Narración Oral Galega, nace ao decatármonos de que a maioría das profesionais das artes escénicas estaban ben demarcadas -pénsese en bailarinas, actrices etc.-, mais as narradoras non. De momento somos un colectivo informal, non temos unha identidade xurídica, mais á hora da verdade si que está funcionando como rede de apoio, con varias liñas de traballo abertas e ben definidas. Por exemplo, traballamos a profesionalización do sector; realizamos o Encontro de Mondoñedo, que naceu en 2019 e do que este ano celebramos a segunda edición para compartir inquedanzas ou problemáticas; e, por outra parte, levamos adiante algunha proposta vinculada coa formación como contadoras para seguir mellorando.

E a Pandemia de Contos, como agromou a idea?

No momento no que se declarou o estado de alarma e nos puxemos en corentena, as persoas que facemos parte das artes escénicas, en xeral, fomos as primeiras nas que xurdiu o impacto. O Festival Atlántica, por exemplo, que se inaugurou na cuarta feira, tivo que solventar moitísimos problemas, e, a raíz de aí creamos un grupo de coidados, para darlle hospedaxe ás persoas que viñan convidadas doutros países, desde o Brasil, Estremadura... Á parte, tamén creamos un grupo de reivindicacións, desde o punto de vista laboral, para solicitar axudas, no que están traballando Charo Pita e Lois Pérez. Así, outra das iniciativas foi a Pandemia de Contos para ofrecer contido como colectivo, de calidade... Naceu dese ímpeto e desas ganas de ofrecer o que facemos para estar tamén presentes nun momento tan complicado coma este. Somos moita xente e hai que coidar o repertorio de cada quen, mais darlle contido á sociedade da que formamos parte para devolverlle un pouco do que nos inspiran tamén é moi bonito e necesario. Debemos ser conscientes de que a cultura ten o seu valor. En xeral foi como moi complicado contarllo a unha cámara porque estamos acostumadas a mirar a xente aos ollos. Foi curioso colocarse nese lugar como contador. Mais está sendo bonito porque chegan vídeos de persoas coñecidas e tamén descoñecidas, a xente é moi agradecida e si que sentimos que se está valorando o traballo das contadoras no tecido social.

Nese sentido, como está a vivir esta situación?

Non somos médicas, mais agradecemos que se recoñeza ese traballo, queremos saír adiante do mellor xeito posíbel. A título persoal, creo que estamos a vivir nunha época na que prima o colectivo, mais cando un sector é por si precario, e as artes en xeral son as que sofren máis, vai ser tamén o que máis resentido se vexa. As autoridades terán que poñer oídos e comezar a escoitar, ver o que nós propoñemos e nós coñecer o que elas propoñan. Onte saíron xa as medidas por parte da Agadic, e por agora freáronse as contratacións que estaban abertas. O que me chega é que desde os concellos continúan traballando desde a casa, mais claro, hai datas que, por axenda, son imposíbeis de adiar. Que manteñan o compromiso coas actuacións que estaban pechadas, e se non se pode ou non dá tempo en 2020, que sexan en 2021... Debemos facer forza conxunta. O nivel de precariedade vai en función tamén do que xa tiñamos desde a propia base. No que respecta á Pandemia de Contos, de momento non sabemos se o material ficará en aberto -aínda non se falou-, mais imaxino que si. As contadoras traballamos moito con normalización e, desde ese punto de vista, o colectivo NOGA ten un compromiso coa lingua. Aínda que non temos entidade xurídica ou estatutos, si mantemos uns mínimos, e un deles é que as persoas que formen parte do NOGA deben contar en galego. A lingua é un vehículo para nós, a palabra é o primordial.

comentarios