Conferencias de especialistas abren o centenario de María Casares

A actriz galega María Casares (Foto: Europa Press).
'María Casares. Do exilio ao escenario', é a primeira das propostas da programación especial que a Xunta da Galiza, en colaboración con distintas entidades nacionais e internacionais.

O ciclo de conferencias 'María Casares. Do exilio ao escenario', é a primeira das propostas da programación especial que a Xunta da Galiza, en colaboración con distintas entidades nacionais e internacionais, impulsa este ano para conmemorar o centenario da artista. 

A primeira das conferencias será o 9 de febreiro, a cargo da actriz e codirectora da Maison Maria Casares de París Johanna Silberstein, que falará d’Os dominios da Vergne na historia de María Casares, e o arquitecto Felipe Peña, que recibiu o encargo da rehabilitación da casa familiar dos Casares Quiroga na Coruña, coa conferencia Panaderas doce

O 16 de marzo será a quenda da Anne Plantagenet, autora de L‘Unique, Maria Casarès, dedicado á actriz galega e baseado na súa correspondencia amorosa con Albert Camus. Ese día tamén impartirá un relatorio o director teatral Lluís Pascual. 

Amizades e especialistas en María Casares

En abril, o día 27, contarase coa participación da actriz Tina Sáinz que comezou e desenvolveu boa parte da súa carreira profesional no teatro e foi grande amiga de María Casares, coa que interpretou El adefesio de Alberti en Madrid no ano 1976. Ese mesmo día tamén se ofrecerá a conferencia de José Luís Méndez Romeu, que fora concelleiro de Educación e Cultura na Coruña. O 11 de maio as conferencias serán impartidas por Josep María Flotats e Jorge Lavelli.

As conferencias continuarán en outubro. En concreto, o día 19 será a quenda de María Lopo, doutora en Literatura Francesa, ensaísta e tradutora. Como especialista na figura de María Casares leva publicado unha ducia de artigos nos que se ocupa da súa vida e da súa obra. Dedicoulle o texto teatral O meu nome é María Casares (2007), adaptado para a escena por Sarabela Teatro como María Casares. A vida triunfante (2008).

Ese mesmo día tamén se contará con Pedro Soler, que se iniciou na arte flamenca da man dos andaluces exiliados da súa cidade natal. Ao longo da súa carreira acompañou a María Casares.

O ciclo rematará o 22 de novembro coas conferencias de Borja Ortiz de Gondra, dramaturgo, e María Delgado, catedrática de Teatro e Cinema e vicerreitora na Universidade de Londres.