Cen anos de María Casares, a fondo no Sermos Galiza

O novo número do semanario -que poderás atopar este sábado en quiosques, outros puntos de venda habituais e na nosa loxa en liña-  afonda no centenario da actriz María Casares.
Reportaxe adicada a María Casares no semanario.
photo_camera Reportaxe adicada a María Casares no semanario.

María Casares protagoniza a portada da última entrega do Sermos Galiza. Esperanza L. Mariño Davila explora No centenario de María Casares a vida da actriz, conmemorada tanto na Galiza como en Francia, cun repaso dos seus fitos principais.

Máis vencellada co eido literario, a escritora Marilar Aleixandre fala con Mar Álvarez da súa última novela, As malas mulleres, na que aborda por medio de personaxes ficticios e reais temáticas como o aborto ou a homosexualidade.

A obra foi recoñecida co premio Blanco Amor e publicada pola editorial Galaxia.

Sen abandonar a escrita, Tensi Xesteira ábrenos a porta das residencias literarias, que considera Un oasis para a creación, rememorando proxectos como a Residencia Literaria 1863 e a Residencia Cidade da Cultura.

Coas achegas de Lara Dopazo, Iria Collado e Alba Cid, que desenvolveron estadías no estranxeiro, Xesteira percorre estas experiencias de creación literaria.

Deixamos o libro na casa e saímos a descubrir as visitas urbanas que nos ofrece o Colectivo Xea, composto por Adela Leiro, Mon Daporta e Xan Colazo. “Todas as cidades e moitas vilas teñen lugares polos que se poden facer e gozar recorridos atractivos de interese histórico, artístico e/ou etnográfico”, sosteñen.

Ao tempo, fan un chamamento a saír á rúa e descubrir o noso patrimonio, sexa por Tui, Allariz, A Coruña, Monforte de Lemos ou calquera vila do país.

No apartado de libros, Mario Regueira aborda Xoguetes para nenos cegos, o último traballo de Luz Darriba, adiantando que a autora “aínda garda sorpresas literarias que van máis aló da súa longa traxectoria no mundo da arte”. Pola súa parte, Susana Sanches Arins desvela os segredos de Dous osiños, da fotógrafa Ylla.

No tocante á música, Belém Tajes apréndenos da “música artesanal que nace do esforzo”, e recoméndanos escoitar grupos como Superoito ou Doén, mentres César Morán fálanos de Música “comercial”.

Para rematar, Andrés Castro e Manuel Xestoso preséntanos o mellor do cinema e o teatro respectivamente.

Como tes que facer para poder gozar deste número? Procura Sermos Galiza, xunto co Nós Diario, este sábado nos quiosques ou na nosa tenda en liña. Unha opción máis sinxela para que non perdas nada é facer agora mesmo a túa subscrición!

Comentarios