Castelao no desterro a comezos da década dos 30

Cúmprense 85 anos da “fin da inxustiza"

O 25 de outubro de 1934, o goberno de España, comunicáballe ao autor do Sempre en Galiza o seu "traslado administrativo forzoso" a terras de Badaxoz.

castelao-rianxo
photo_camera Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.

A prensa galega fíxose eco do desterro de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, e así o recollía El Progreso, que explicaba que "o debuxante e destacado galeguista, ex-deputado a Cortes polas Constituíntes" fora destinado como funcionario da Xefatura de Estatística. Pero está razón desvirtúase co comunicado do Goberno Civil de Pontevedra, o 12 de decembro, que coa intención de "síar ao paso das torcidas interpretacións" asegura que se Castelao "desvirtuase das súas afirmacións de hostilidade ao goberno (e ao ministro Lerroux) quedaría sen efecto o traslado".

Un ano despois desta decisión, o 6 de setembro de 1935, remata o desterro ou, como recolle algunha prensa da época, prodúcese a "fin da inxustiza". Nos meses anteriores, Castelao publicara en A Nosa Terra 14 artigos que se convertiron, durante o exilio na Arxentina, nos primeiros capítulos do Sempre en Galiza.

No contexto dos anos 30, fúndase o Partido Galeguista, do que Castelao é fundador e figura destacada. Toma parte na campaña plebiscitaria do Estatuto da Galiza e no 1931 obtén escano de deputado nas Cortes españolas e intervén no Congreso para defender a nosa lingua.

A súa traxectoria política e a súa participación activa no Pacto de Compostela (fundador de Galeuzca), que tiña como pretensión consolidar unha España autonómica e federal, unidas ás críticas realizadas a figuras do goberno da II República, como Alejandro Lerroux, foron a causa do seu desterro.

Lerroux, que apoiou as reforma do goberno de Manuel Azaña, no primeiro bienio, comezou en 1933 a súa aproximación á dereita e pactou cos conservadores, que chegaron ao poder, co que conseguiu ocupar a presidencia en tres ocasións e ostentar as carteiras de Estado e de Guerra.  Co alzamento militar de 1936, exiliouse en Portugal, de onde retornou once anos máis tarde, reconciliado xa cos posicionamentos golpistas.

O escándalo 'estraperlo' afastou do goberno a Lerroux, tratouse da licenza asinada por el mesmo para que Daniel Strauss explotase en diversos casinos unha ruleta fraudulenta e interceptada pola policía. A prensa da época recollía "unha denuncia subscrita por un estranxeiro, na que se formulan acusacións contra determinadas persoas por suposta irregularidades cometidas no exercicio da funcións públicas".

Na serie de artigos Verbas de chumbo, Daniel Castelao definiu Estremadura como a "Siberia hespañola" e Badaxoz "unha vella cibdade amurallada que parece de cartón" para sentenciar "todo eiquí é pura escenografía e puro finximento. Queren ser andaluces e nótaselles que non-o son. Queren cantar flamengo e parecen de Lalín". O intelectual galeguista vai aínda máis alá nas súas reflexións sobre aquelas terras, a súa riquezas e as súas xentes e comenta que "parece que os poucos habitantes desta terra naden na abundancia, coma os peixes no mar. E hoxe mesmo, na oficina de Estatística, anotáronse varios casos de morte por inanición".

Comentarios