A compañía Galeatro desenvolve o proxecto 'Reino de Galicia á escena'

Os castelos de Moeche e Mesía protagonizan a primeira edición.
Escena da obra 'Arte sen guión'. (Foto: Galeatro)
Escena da obra 'Arte sen guión'. (Foto: Galeatro)

A compañía teatral Galeatro puxo en marcha, co patrocinio da Deputación da Coruña, o proxecto 'Reino de Galicia á escena', un festival histórico-teatral que ten como obxectivo dinamizar espazos con gran valor patrimonial, dar a coñecer a historia do país e sacar as artes escénicas dos seus recintos de exhibición habituais.

Con estas metas no horizonte, a iniciativa, gañadora do III Certame Fondo de Proxectos Culturais Reino de Galicia, estase a desenvolver en dous lugares emblemáticos, os castelos de Moeche (Ferrolterra) e Mesía (comarca de Ordes). En ambos os dous espazos ofrecerase unha visita dramatizada guiada polo historiador Hadrián García Pérez e representarase a montaxe Arte sen guión.

A primeira das citas decorreu o 5 de setembro no castelo de Moeche e esta sexta feira, día 12, chegaralle a quenda á fortaleza de Mesía. Ademais, 'Reino de Galicia á escena' sostense cun terceiro piar, centrado na difusión audiovisual a través das redes sociais.

A actriz e xornalista Carlota Mosquera está a realizar diferentes pílulas divulgadoras para difundir tanto a programación do evento como diferentes aspectos históricos dos emprazamentos escollidos para esta primeira edición.

As pezas de Mosquera, que se distribúen polas redes sociais de Galeatro, serven de contrapunto virtual para as visitas dramatizadas que conduce Hadrián García Pérez, docente e graduado en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) que na actualidade leva a cabo labores de educador de museos no Centro Arqueolóxico do Dolmen de Dombate (Cabana de Bergantiños) e de monitor eventual na Fundación Eduardo Pondal (Ponteceso, Bergantiños). Nas visitas dramatizadas desenvólvense microescenas centradas na historia dos recintos e a súa relación co Reino da Galiza.

Comentarios