Máis

O ceo estival alén das Perseidas

A contaminación luminosa condicionará as observacións.
A Vía Láctea desde a Galiza. / Nós Diario
photo_camera A Vía Láctea desde a Galiza. (Foto: Nós Diario)

Se hai unha cita obrigada no verán para aqueles e aquelas que gostan de observar o ceo nocturno esas son as Perseidas. Cada mes de agosto os ceos da Galiza ofrécennos un espectáculo de estrelas fugaces, tamén coñecidas como Bágoas de San Lourenzo, pois as Perseidas fan aparición arredor da data en que se conmemora o martirio do diácono romano.

Non obstante, aínda que a chuvia de meteoros de San Lourenzo é a máis popular -non só do verán, senón incluso de todo o ano, xunto coas Xemínidas e as Úrsidas en decembro e as Cuadrántidas en xaneiro– por aparecer nun mes de bo tempo e de vacacións por excelencia, a época estival trae consigo unha oportunidade para gozar tamén doutras constelacións típicas deste período.

Entre elas está o Cisne, a Lira e a Aguia, e o triángulo que forman as súas estrelas máis brillantes, Deneb, Vega e Altair; con Escorpión e Saxitario no sur e co espectáculo fabuloso da Vía Láctea que 75% dos habitantes do Estado español non pode ver no lugar onde viven por culpa da contaminación luminosa.

A iluminación artificial, se ben supón grandes avances para a sociedade moderna, ten, como calquera tecnoloxía, consecuencias negativas para os aficionados e as aficionadas á astronomía. A contaminación luminosa xa pon en perigo no Parque Nacional das Illas Atlánticas da Galiza a certificación do prestixioso distintivo de Destino Turístico Starlight, un selo que a fundación co mesmo nome, integrada na Unesco e na Asociación Internacional Astronómica, outorga a espazos que posúen unha excelente calidade de ceo e que representan un exemplo de protección e conservación.

O destino astroturístico das Illas Atlánticas atópase ameazado pola forte presión luminosa procedente dos concellos costeiros, destacando de maneira especial o efecto da iluminación de Vigo sobre o arquipélago das illas Cíes, que forma parte do Parque Nacional situado nas rías baixas.

Xunto co Parque Nacional Illas Atlánticas da Galiza, a Costa da Morte, Trevinca (nas comarcas de Valdeorras e Viana), Muras (A Terra Chá) e Lalín (Deza) conforman o mapa de Destinos Starlight da Galiza. Unha cartografía coa que se intúe a elevada potencialidade da Galiza para o astroturismo, así como as excelentes cualidades que ten o país para a contemplación dos ceos estrelados.

Estes sitios teñen algunhas características en común, como a súa altitude ou estaren afastados dos grandes núcleos de poboación. Precisamente este último aspecto é o que condiciona a renovación do selo para as Illas Atlánticas.

Quedan sitios escuros?

Co tempo, son máis as aldeas, parroquias, vilas e concellos que contan con puntos de luz en toda a súa extensión, polo que cabe preguntarse: aínda quedan sitios escuros? Desde a Agrupación Astronómica Coruñesa Io teñen a resposta: cada vez menos, pero si.

De feito, o Atlas mundial do brillo artificial da noite, publicado en 2016, alertaba xa de que arredor de 80% da poboación mundial convive con ceos contaminados. É máis, un estudo publicado en xaneiro de 2023 na revista Science, utilizando datos recollidos por 51.351 cidadáns e cidadás entre os anos 2011 e 2022, con medicións de como a contaminación luminosa está a afectar á observación astronómica, sinala que os ceos están a se volver rapidamente máis brillantes.

A brillantez dos ceos incrementou desde 2011 9,6% por ano, o que equivale a duplicar a luminosidade cada oito anos

Concretamente, o artigo redactado por científicos do departamento de Física Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela (USC) apunta que a brillantez dos ceos incrementou 9,6% por ano, o que equivale a duplicar a luminosidade das noites cada oito anos.

"Na Galiza persisten aínda zonas con bos ceos, cun gran potencial de desenvolvemento sustentábel, mais mesmo estas están xa afectadas pola luz e precisamos canto antes accións que preserven a calidade da noite", afirman desde Io.

Os efectos da luz artificial

É importante a contaminación luminosa para alén da observación astronómica? Si. A biodiversidade adaptouse ao longo dos anos á alternancia cíclica dos períodos de luz e escuridade, isto é, ao decorrer dos días e das noites. Non é necesaria demasiada luz para producir graves alteracións nos seres vivos, e tampouco os efectos nocivos se limitan á contorna dos farois. A luz artificial mal dirixida esténdese afectando o medio a moitos quilómetros de distancia. Por exemplo, aves que se desorientan ao saíren dos niños e chocan cos edificios iluminados polas noites.

Tamén a saúde humana se ve afectada pola polución luminosa. Moitas funcións fisiolóxicas dependen aínda do fotoperíodo: a temperatura corporal, a presión arterial, o estado de vixilia ou sono... A alteración das horas de luz e escuridade provoca no ser humano unha variada serie de patoloxías.

É esencial asumir que a luz artificial durante a noite actúa como un contaminante e lexislar con esa finalidade. A diferenza doutras fontes de contaminación, a luminosa é fácil de evitar, basta con utilizar a necesaria e coa intensidade xusta.

O triángulo de verán

Se as condicións atmosféricas e a contaminación luminosa non é moi acusada, este mes de agosto poderemos observar as Perseidas, polo San Lourenzo, e ademais no conxunto dos meses estivais tamén o "triángulo do verán" con vértices en Vega, Deneb e Altair.

Cygnus ou Cisne é unha constelación do hemisferio norte, visíbel especialmente nos ceos da Galiza durante os meses de verán, que atravesa a Vía Láctea. Dado o patrón das estrelas principais, ás veces é coñecida como a 'cruz do norte'. Contén ademais Deneb, unha estrela de primeira magnitude e un grupo de seis estrelas que lle dan forma. 

Lyra ou Lira é outra das constelacións que poderemos ver nos próximos meses. É unha agrupación pequena, pero facilmente identificábel pola súa estrela Vega, que é o vértice do denominado "triángulo de verán", unha xeometría que forma xunto con Deneb e Altair, da constelación Aguia ou Aquia. Perto da medianoite, o triángulo estival radica no alto en latitudes centrais e setentrionais durante os meses do verán.

Comentarios