Catro estreas presentaranse no VI festival Quincegotas

A danza contemporánea tomará o 4 de xuño as rúas da Coruña.
Espectáculo na Nova Galega de Danza (Foto: Nós Diario).
photo_camera Espectáculo na Nova Galega de Danza (Foto: Nós Diario).

Tras un ano inmóbil, o Castelo de San Antón volve danzar o vindeiro 4 de xuño coa sexta edición do festival Quincegotas, o encontro de danza na rúa que, desde 2015, transforma  a cidade da Coruña na sede estatal desta disciplina artística. Este ano, como aconteceu nos anteriores, o programa procurará inverter os papeis: en lugar de achegar a xente á danza, saca a danza dos teatros para achegala á xente. 

Para este 2023, a organización presentou un programa que promete máis dunha sorpresa, con tres estreas na Galiza e unha estrea absoluta no Estado español. En total, sete pezas de sete compañías de estilos e inspiracións moi diversas. 

As estreas

A estrea a nivel estatal será a obra Oroimen, de Akira Yoshida. A peza, da compañía de Nafarroa, trata dun personaxe solitario nunha viaxe rememorativa a través da memoria, das accións vividas polas mans:  o tacto, a mocidade, o amor, a vida e a morte. 

Entre as estreas na Galiza figuran Vientre, de Compañía Maximiliano Sanford e Yeinner Chicas. Sanford, ex ximnasta da selección Olímpica Brasileira, bailou en compañías como A Flux (Paris) e Isabel Vázquez  (Sevilla). A compañía catalá de Kiko López traerá Honest tamén por vez primeira á Galiza, un fragmento pequeno da obra longa SR.W (Dobre U) no que o protagonista se mergulla a través da animación do obxecto.

A terceira das estreas no país será a titulada Non son ollos porque os ves son ollos porque te miran, da compañía Cave Canem de Alexander Spinoza.

Ademais, dentro da programación, a Compañía Nova Galega de Danza presentará o espectáculo Leira, unha peza na que o corpo e a terra estreitan os seus lazos nun espectáculo de danza e música que nos transporta á dura beleza dos labores do campo coa muller no centro.

Comentarios