A Cátedra Rosalía de Castro revisita a vida e as biografías da escritora

Vida, biografías, bioficcións é o título do primeiro simposio que organiza a Cátedra Rosalía de Castro da USC, que botou a andar este mes de abril con varias iniciativas culturais.
Paula Cons, Ángeles Huerta e Zaza Ceballos este 29 de abril na Facultade de Filoloxía da USC. (Foto: Clara Xanthina)
Paula Cons, Ángeles Huerta e Zaza Ceballos este 29 de abril na Facultade de Filoloxía da USC. (Foto: Clara Xanthina)

Vida, biografías, bioficcións é o título do primeiro simposio que organiza a Cátedra Rosalía de Castro da USC, que botou a andar no mes de abril con varias iniciativas culturais. O encontro desenvólvese até hoxe no Salón de Graos da Facultade de Filoloxía da USC.

A inauguración do encontro, esta segunda feira 28 de abril, presidiuna o reitor Antonio López e contou coa participación do decano da facultade anfitrioa, Elias J. Feijó Torres, e da co directora e co director da Cátedra, María do Cebreiro e Fernando Cabo. A continuación, Francisco Rodríguez deu comezo ás sesións académicas coa conferencia inaugural Rosalía de Castro: unha biografía asombrada, unha obra luminosa.

Tras esta apertura tiveron lugar oprimeiro panel coas intervencións de María Pilar García Negro ("Rosalía de Castro: a muller que non pediu permiso"), Kathleen March ("Rosalía e a sabia querela das mulleres"). 

Na xornada do 29 tiveron lugar tres das catro mesas  redondas previstas no programa. A primeira delas versou sobre Rosalia no cine: autoria e celebridade na era da imaxe, e nela participaron Hector Carré, Carlos Amil, Pepe Coira, María López Sández e Anxos García Fonte, coordinados por María Xesús Lama. Para un novo imaxinario biográfico. Rosalía de Castro ilustrada, coordinada por Montserrat Pena, contou con Blanca Millán e Paula Mayor. E Celebridades literarias galegas no biopic contemporáneo foi protagonizada por Ángeles Huerta, Paula Cons e Zaza Ceballos, coordinadas por Iolanda Ogando.

O simposio remata o día 30 coa cuarta mesa redonda, Poesía, teatro, narrativa. Bioficcións rosalianas do século XXI, que coordinada por Dolores Vilavedra, cede a palabra a Roberto Salgueiro, Antía Cortegoso, Lucía Aldao e Pedro Feijoo. A seguir, o presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira, pronunciará a conferencia Biografía, ficción e memoria na Casa de Rosalía.

Xa pola tarde, o panel Análise e divulgación do Fondo María Víctoria Álvarez Ruiz de Ojeda da USC reunirá a Gisella Costas Costas e Patricia Chachero. O encontro clausurarase co conferencia de Xesús Alonso Montero Informe bibliográfico sobre o arquivo rosaliano de Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda.

Paralelo a este encontro científico, o Salón Teatro de Compostela acolle a representación da peza teatral Rosalía, cartografía de ásperas ortigas, con dirección, texto orixinal e dramaturxia de Roberto Salgueiro, director da Aula de Teatro da USC. Ademais, permanece aberta a exposición Rosalía en Fonseca, unha actividade da Cátedra en colaboración co Museo de Historia Natural.

Rosalía en Camiño

Por outro lado, do 7 ao 9 de xuño volven as xornadas poéticas multilingües Rosalía en Camiño, que chegan á súa sexta edición na Casa de Rosalía (Padrón) e no Museo do Pobo Galego (Santiago de Compostela), con Chus Pato novamente como comisaria. Os protagonista desta volta son Castillo Suarez (Navarra),  Maria Sevilla (Cataluña) e Juan Andrés García Román (Andalucía), alén dos galegos Gonzalo Hermo, Oriana Méndez e o cineasta Oliver Laxe, o primeiro non-poeta stricto sensu que participa no evento.

Comentarios