Castelao volve ao Pico Sacro no 75 aniversario da súa morte no exilio en Arxentina

Medio cento de persoas volvéronse reunir esta sábado 19 de xullo no Pico Sacro na tradicional lectura do Alba de Groria de Castelao que se vén desenvolvendo neste monte de Boqueixón, na comarca de Compostela, desde 2011.

Pico Sacro
Acto no Pico Sacro en homenaxe a Castelao este sábado. (Foto: Nós Diatio)

A subida ao Pico Sacro é un dos actos de referencia nas xornadas previas ao Dia da Patria Galega. A actividade, promovida polas asociacións culturais Vagalumes da Estrada e O Galo de Santiago de Compostela, lembra as celebracións clandestinas do Dia da Patria Galega organizadas polos nacionalistas galegas nos anos 20.

A primeira ocasión na que os nacionalistas subiron ao Pico Sacro para conmemorar o Día da Patria Galega prohibida pola ditadura de Miguel Primo de Rivera foi en 1924. Naquel ano, un grupo de integrantes das Irmandades da Fala da Estrada e Daniel Castelao celebraron a xornada nese espazo simbólico que preside o val do Ulla.

75 anos do pasamento de Castelao

A xornada organizada este sábado no Pico Sacro polos colectivos O Galo e Vagalumes ten un significado especial, por coincidir co ano do 75 aniversario da morte de Daniel Castelao no exilio arxentino. Neste sentido, o directivo de Vagalumes, Xoán Carlos Garrido Couceiro, sinala a Nós Diario que "precisamente neste ano lembrar Castelao ten especial importancia para facer o que outros non fan".

O convidado especial nesta xornada foi Manuel Rei Romeu, a quen correspondeu pronunciar o discurso de benvida ás 12 horas no cumio do monte. Segundo apunta, Garrido Couceiro "este ano acordamos que a intervención para recibir as persoas que asistan sexa a cargo de alguén que ten analizado de modo preciso e detallado os textos de Castelao, como é o profesor Manuel Rei Romeu".

O profesor, investigador e escritor Manuel Rei Romeu é un dos máximos especialistas na figura do Castelao. Ao estudo da obra e do pensamento do dirixente nacionalista tenlle dedicado ducias de artigos e seis volumes, o último deles publicado o pasado mes pola editorial Tempo Galiza baixo o título de Castelao, desta terra e deste tempo.

Rei Romeu referiuse na súa intervención a significación do Pico Sacro como espazo simbólico "sometido a espolio por proxectos mineiros" e citou ao río Ulla "agredido por encoros como o de Portemouros, proxectos mineiro e sobre o que agora pesa a ameaza de Altri". Ao tempo, chamou  "a difundir a mensaxe esencial de Castelao, a que se recolle na súa obra e formula na súa doutrina política".

"O horizonte explicativo de Castelao é pobo galego"

O estudoso do dirixente nacionalista morto no exilio en Bos Aires explicou que "Castelao radiografou a fondo na súa obra artística os problemas dos galegos e apostou pola democracia popular, por unha democracia ao servizo dos traballadores e por ser un creador de conciencia nacional". Neste sentido, asegurou que "o horizonte explicativo de Castelao é pobo galego, nación galega e cultura e lingua propia".

A xornada continúa cunha visita visita á chamada cova da Raíña Lupa  e un  xantar de convivio no val do Ulla. Os asistentes visitarán pola tarde a exposición Traxes e colores de Galiza. Identidade Nacional das artes plásticas de Castelao, unha mostra comisariada por David Quiñones, aberta no no salón Fonseca da USC

Comentarios