Xoán Carlos Garrido, filósofo: "Non é compatíbel honrar Castelao e criminalizar as súas ideas políticas"
Xoán Carlos Garrido Couceiro leva moitos anos investigando a figura e a obra de Daniel Castelao. Profesor e filósofo de formación, tense centrado no estudo do corpo ideolóxico do dirixente nacionalista morto no exilio, destacando entre estes traballos o volume O pensamento de Castelao (A Nosa Terra). Directivo da asociación Vagalumes da Estrada, explica nesta conversa os actos previstos hoxe no Pico Sacro
O Pico Sacro, emprazado no concello de Boqueixón (comarca de Compostela), acolle hoxe unha nova edición da xornada de lectura do Alba de Groria, promovida pola Federación Galiza Cultura e as agrupacións culturais O Galo de Compostela e Vagalumes da Estrada para homenaxear Daniel Castelao con motivo do 75 aniversario do seu pasamento.
—Un ano máis volven ao Pico Sacro nas vésperas do Día da Patria Galega para lembrar Castelao coa lectura do Alba de Groria, cal é o programa previsto na edición deste ano da actividade?
Ás 12 horas será a benvida e a intervención de Manuel Rei Romeu, profesor e estudoso da obra de Castelao, para logo subir o último treito até o cumio do Pico Sacro onde se dará lectura ao Alba de Groria. Logo rematará o acto cun percorrido polos lugares de interese do Pico. Aqueles que o desexen poden sumarse a un xantar ao ar libre no val do Ulla para o cal será preciso que cada quen leve a comida. E finalmente pola tarde haberá unha visita ao salón Fonseca da Universidade de Santiago de Compostela á exposición 'Traxes e cores de Galiza. A identidade na plástica de Castelao'.
—O fío condutor do acto desde a súa posta en marcha hai 15 anos polas agrupacións culturais O Galo de Compostela e Vagalumes da Estrada é o Alba de Groria, que significa este discurso na obra e na traxectoria de Castelao?
Condensa unha concepción do espazo e do tempo cun contido nominal e vivo que lonxe de facelo particular e efémero, convérteo en universal e eterno en canto afirmación da permanente creatividade que fai inútil as aspiracións dos que queren matar a diversidade humana. Hai unha primeira parte inspirada nas intervencións de Otero Pedraio e Cabanillas no Día da Patria Galega de 1930 en Vigo no que se alude a como a saída do sol fai visíbel unha terra fermosa e viva que logo da noite rexorde para amosar o que nos tentan ocultar. Na segunda parte hai un percorrido pola historia fanada dun país que non alcanzou a súa liberdade pero malia ser derrotado unha e outra vez, segue sen resignarse a desaparecer.
—A orixe desta xornada sitúase no ascenso de Castelao ao Pico Sacro en compaña doutros nacionalistas durante algúns anos da ditadura de Primo de Rivera, cal era o sentido que tiña para eles?
O Pico Sacro efectivamente ten un compoñente simbólico cultural que se pode rastrexar até o Códice Calixtino. Precisamente a desaparición deste naquel ano foi un impulso tamén para promover esta actividade como denuncia do desleixo co que a igrexa trataba a unha xoia do noso patrimonio até o punto de que calquera puidera roubala daquel xeito. Hai que ter en conta, que nesas datas comezaron a aplicarse as políticas de prohibición da nosa lingua no ensino e outros ataques á nosa cultura por parte das institucións que debían defendela. Era un contexto explicitamente hostil coa nosa identidade e cultura que nos lembraba outras situacións semellantes como aquela da ditadura de Primo na que Castelao xunto con Ken Keirades, Otero Abelleira e outros amigos da Estrada acordaron subir ao Pico nas vésperas do Día da Patria Galega de 1924. Logo virían situacións peores como as que darían pé á elaboración do Alba de Groria no exilio. Máis aínda que non fora polas malas, senón polas boas, o intento de exterminio da nosa cultura e lingua é constante nas accións do Estado español en calquera dos contextos que nos toca vivir.
—Falaba agora da significación que lle deron os membros das Irmandades da Fala á subida ao Pico Sacro hai 100 anos, mais a que obxectivos responde hoxe o acto de lectura do Alba de Gloria nese espazo tan simbólico.
Hai un relato de Manuel García Barros daquela viaxe con Castelao que dedica a Virxinia Pereira lembrando aqueles días. Escríbeo no exilio interior, logo de salvar a súa vida durante os peores días da represión pero sen posibilidade de continuar o seu labor profesional de docente e vocacional de escritor na nosa lingua. Ese recordo dá conta da significación que tiña para el e Castelao aquela subida a un espazo físico que servía de pano de fondo do decorado da súa existencia na Estrada. O Pico Sacro xa chamara a atención dos nosos intelectuais antes desa viaxe de Castelao, Murguía, López Ferreiro, Marcial Valladares ou Curros entre outros xa se tiñan referido a este monte. Máis recentemente poetas e narradores actuais teñen fixada a súa mirada neste lugar como ten recollido Miro Villar. Efectivamente Daniel Castelao alude ao Pico Sacro como altar á terra-nai. Por iso a lectura deste discurso neste lugar ten un sentido simbólico evidente. Mais tamén é un acto reivindicativo de defensa duna terra actualmente ameazada como é xa especificamente o val do Ulla e o perigo que supón Altri, son exemplo do que está a acontecer en toda Galiza, e tamén un chamado á continuidade dunha tradición que fixo de nós o que somos e que depende do que nós fagamos con ese legado cultural o que sexamos no futuro.
—A edición deste ano do acto do Pico Sacro coincide co 75 aniversario da morte de Castelao, unha efeméride que está a impulsar traballos e actividades sobre o intelectual e dirixente nacionalista desde diferentes esferas; considera que Castelao está a ser tratado como debera polas institucións?
Precisamente neste ano lembrar Castelao ten especial importancia para facer o que outros non fan, porque ao final tampouco é que se estea a conmemorar moito polas institucións. E cando o fan, coa escusa de que "Castelao é de todos", exclúen aqueles que máis estudan a súa obra e pensamento. Xa que é de todos calquera pode falar del aínda que non saiba nada, ou precisamente porque non sabe nada. E así censuran a quen poida estar a traballar de forma rigorosa sobre el. Neste sentido, este ano acordamos que a intervención para recibir as persoas que asistan sexa a cargo de alguén que ten analizado de modo preciso e detallado os textos de Castelao, como é o profesor Manuel Rei Romeu. É benvida calquera achega que se faga para dar a coñecelo aínda que sexa só nominalmente, nun marco no que Castelao cada vez é máis ignorado pola maioría da poboación galega. Pero se “Castelao é de todos” porque hai tanto interese en invisibilizar a algúns? Ao nacionalismo? Mesmo cando se lle acusa a este de querer apropiarse del en exclusiva xa se está a recoñecer que este sector ideolóxico da sociedade tenlle prestado especial atención. Polo tanto merece un respecto se realmente interesa Castelao. Está ben que outros sectores se sumen a recoñecelo pero sumar non é expulsar aos que sempre o valoraron.
—A aparente unanimidade que xera a figura de Castelao no ámbito social e institucional non se corresponde despois coas fortes diverxencias que se dan sobre a consideración da súa actividade e do seu pensamento político. Como persoa que ten estudado a fondo a súa obra, cales considera que son os eixos centrais do seu pensamento?
O valor artístico da súa obra pode concitar efectivamente unha consideración xeral e mesmo, desde o punto de vista político, é evidente para os que simplemente chegan a apreciar as actuais institucións autonómicas, que o papel de Castelao foi fundamental para o desenvolvemento destas. Claro que se pode chegar a puntos de encontro con outras correntes ideolóxicas en homenaxear a Castelao. Mais non é compatíbel honrar Castelao e criminalizar as súas ideas políticas. Que non compartan o laicismo, o republicanismo ou o federalismo, e xa non digamos o nacionalismo, non impide que se respecte esas ideas, que por certo eran as de Castelao.Asistimos a uns ataques furibundos aos discrepantes deste Estado monárquico, confesional e centralista que dificilmente fai críbel que quen os profire poida ao mesmo tempo conmemorar Castelao.