A CRÍTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

Carol: ou como facer un grande filme a partir dun grande libro

O noso crítico de cabeceira debulla esta sexta feira Carol, o filme de Todd Haynes baseado no extraordinario romance homónimo de Patricia Highstmith.

Carol
photo_camera Un fotograma do filme

CAROL
(Reino Unido-EUA 2015, 118 min.)
Dirección: Todd Haynes
Guión: Phyllis Nagy
Fotografía: Edward Lachman    
Música: Carter Burwell
Elenco: Cate Blanchett, Rooney Mara, Sarah Paulson, Kyle Chandler, Jake Lacy, John Magaro, Cory Michael Smith, Kevin Crowley, Carrie Brownstein, Nik Pajic

SINOPSE
Unha dependenta duns grandes almacéns de Manhattan coñece unha muller elegante atrapada nun matrimonio infeliz. Xorde entre elas unha inesperada atracción mutua que cambiará as súas vidas por sempre.

CRÍTICA
Todd Haynes retorna aos anos 50 para retratar os prexuízos sociais ante as relacións humanas “pouco frecuentes”. Se en Lonxe do ceo (2002) falaba da relación extraconxugal que ten unha perfecta esposa e ama de casa branca cun xardineiro negro, a fin de retratar o racismo e a homosexualidade reprimida, en Carol céntrase no amor apaixonado entre dúas mulleres de diferente idade e clase social. Malia que Haynes soe firmar os seus propios guións aquí prefire deixar a tarefa nas experimentadas mans da escritora e dramaturga Phyllis Nagy. Adapta a controvertida obra homónima de Patricia Highsmith que, por mor do contido lesbiano do texto, tivo que firmar inicialmente con pseudónimo. Cate Blanchet (Blue Jasmine) encarna Carol, unha muller de clase alta que coñece Therese, unha moza asalariada con aire a Audrey Hepburn, interpretada por Rooney Mara (Her). Pouco a pouco van afianzando a profunda atracción mutua que senten a pesar das reticencias que topan na sociedade reprimida e aburguesada. Estes cuadriculados convencionalismos sociais, pero sobre todo un proceso de divorcio, poñen en perigo a relación. Mentres que Mara vai descubrindo quen é realmente, Carol terá que enfrontarse á difícil situación de elixir entre deixarse levar polo desexo e o deber de esposa e nai. Haynes retrata unha sociedade moralista e hipócrita que aplica de forma sistémica un ríxido control machista sobre calquera comportamento inadecuado ou inmoral da muller, deixándoa relegada ás tarefas do fogar e pouco máis. Comportamentos retrógrados que hoxe en día chaman poderosamente a atención... ou quizá non tanto?

Estamos ante unha pequena xoia de amor íntimo e universal narrada cunha exquisita dirección

Durante o visionado non se pode evitar comparala cunha versión clásica d’A vida de Adèle (2013, Abdellatif Kechiche): amor interxeracional, o descubrimento dun mesmo, o espertar da sexualidade, a obsesión e, inda que con menos detalle, un par de escenas sen tapuxos que poden chegar a escandalizar... Ou iso se desprende dalgunha risa frouxa e certos comentarios desafortunados ao acenderen as luces dun par de señoras que se meteron na sala pensando que “era unha película da súa época”... En fin, a homosexualidade está implícita en toda a filmografía de Haynes desde o seu debut con Poison (premiado en Sitges e Sundance) pasando por Velvet Goldmine, I’m not There ou a citada Lonxe do ceo. Carol tamén narra un amor homosexual si, pero é moito máis que iso. Estamos ante unha pequena xoia de amor íntimo e universal narrada cunha exquisita dirección. Aparte das soberbias interpretacións de Blanchet e Mara, que rozan a excelencia xa só coa mirada, destaca tamén unha coidada ambientación e vestiario, da man da oscarizada Sandy Powell (O Aviador, A raíña Victoria e Shakespeare enamorado); as belísimas texturas cromáticas do avezado ollo fotográfico de Edward Lachman; ou a delicada banda sonora de Carter Burwell que potencia o lirismo excelso do filme. Porén, quitando o Premio a Mellor Actriz en Cannes para Rooney Mara, chama a atención que Carol atesoura a dubidosa honra de acadar unha chea de nomeacións alá por onde pasa, mais sempre sen premio. Repetirá esta inercia na gala dos Óscar? ...ou tratarán de paliar o erro de non nomear a Mellor Película unha das mellores do ano?

Comentarios