Carlos Henrique Fernández Coto: "Galiza é o pobo con máis patrimonio cultural de Europa"

O presidente de Apatrigal, Carlos Henrique Fernández Coto, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Apatrigal)

O presidente da Asociación para a defensa do Patrimonio Cultural Galego (Apatrigal) considera que a conservación é unha tarefa das administracións pero tamén da sociedade. Así reflexiona sobre o despoboamento do rural, aludindo a que se falta poboación nalgunhas vilas tamén faltan os “microcoidados”. Refírese, por exemplo, a que un veciño ou veciña elimine as malas herbas dun cruceiro. Actos tan sinxelos tamén teñen valor para manter a herdanza do país.

Non hai lugar para a dúbida. Unha das entidades máis activas na defensa do patrimonio cultural -material ou inmaterial- da Galiza é a Asociación para a defensa do Patrimonio Cultural Galego (Apatrigal). Após cinco años de traxectoria, o seu presidente Carlos Henrique Fernández Coto prefire non buscar conflitos criticando a xestión das administracións, pois a asociación declárase “con independencia política e ideolóxica”.

Quizais por iso, desde 2016 conseguiron asentarse no tecido asociativo cultural do país e “ás veces chaman para facer consultas”. Os interlocutores ao outro lado da liña poden ser institucións públicas e tamén particulares. Sen ir máis lonxe, “no caso de Santiago” foron dos que “tiraron máis do carballo do Banquete de Conxo para o concurso da árbore europea”.

Apoian pero tamén din as verdades, se esas van valer para protexer a herdanza natural e cultural galega. Ao mesmo concello compostelán fixéronlle ver “algúns erros ou carencias o plan de protección da Cidade Histórica, como foi a instalación interior do Café Derby que foi deseñada por Camilo Díaz Baliño”.

Un pouco máis lonxe da súa sede na rúa do Hórreo de Compostela –hoxe a sede é máis virtual pola pandemia da Covid-19- Fernández Coto resalta outro logro. “Fixémoslle ver ao delegado da Xunta en Lugo que o retablo da catedral da cidade, obra de Francisco de Moure, tiña que ser restaurado porque é un legado único”, engade.

A estas alturas, unha das críticas que poden facer, a nivel social, é que “co tema da rapidez perdeuse a reflexión e hai que pensar como facer as cousas co menor impacto posíbel”. Mentres que, para a entidade, hai máis respecto en territorios como Portugal ou mesmo Asturies, aquí “ás veces construímos en contra da natureza”, unha parte fundamental do legado na súa opinión.

Iso tamén o trasladan a quen faga falla, ás máis das veces de forma desinteresada e nalgunha ocasión nas que os proxectos ou encargos son máis complexos, xa habería que contratar o servizo dalgunhas especialistas.

Transmitir “nas mellores condicións” o legado

Desde o seu punto de vista, o que converte Apatrigal nun colaborador interesante é que se pelexa “pero sempre con espírito construtivo”. O plan orixinal das e dos 11 socios fundadores (hoxe hai perto dun cento, entre os que se atopan profesionais da arquitectura, a antropoloxía, a arqueoloxía, o turismo...) era a “defensa, divulgación e concienciación sobre o patrimonio cultural”.

“Queremos concienciar os galegos de que temos un legado impresionante herdado e hai que transmitilo nas mellores condicións”, reflexiona, engadindo que Galiza pode presumir de ser “o pobo con máis patrimonio cultural de Europa”.

O risco do despoboamento

O que ben puidera parecer unha esaxeración polo amor ao país ten unha explicación, que se encarga de apuntar con urxencia o representante de Apatrigal: “Non é que sexamos máis guay senón que é pola nosa estrutura do territorio”.

O problema quizais é o despoboamento porque “sen xente non hai os microcoidados” que axudan na conservación. Alude, sen ir máis lonxe, a esa persoa que ve malas herbas nunha escultura ou nun cruceiro -entendido desde o punto de vista cultural, non xa relixioso ou polo menos non só con esa lectura- da aldea e toma o tempo en retiralas.

Fala así do rural e dos moitos núcleos de poboación que se poden atopar no país en relación a outros lugares. Así, ao ter “29.000 entidades das 60.000” do Estado español, non é estraño que aquí se atopen “a metade das igrexas”, a gran maioría dos cruceiros ou os hórreos.

Precisamente hai nada participaron nun foro sobre este último tema en Asturies e Fernández Coto lembra que xunto con outras zonas están a traballar para que estas construcións sexan recoñecidas pola Unesco como Patrimonio da Humanidade. Outro dos retos é que o “toque manual das campás, que é unha lingua máis” chegue á mesma meta.

Ao final, do que se trata, é de que “a xente valore o patrimonio”, sexa tanxíbel ou non.