O Carbono-14 asegura que Penas do Castelo sería un dos castros máis antigos da Galiza

As escavacións realizadas o pasado verán descubriron unha monumental muralla con seis metros de ancho e até catro de altura. Daquela recolleron mostras para datar a súa construción, que sería anterior á Idade de Ferro.
A muralla de Penas do Castelo (Concello da Pobra do Brollón).
photo_camera A muralla de Penas do Castelo. (Foto: Concello da Pobra do Brollón).

O xacemento de Penas do Castelo, situado na ladeira do Río Lor na parroquia de Salcedo, A Pobra do Brollón, segue dando resultados únicos e sorprendentes. Na escavación realizada o pasado verán descubriuse unha monumental muralla con seis metros de ancho e até catro de altura.

Os seus foxos monumentais, escavados na rocha, deron pé a moitas especulacións ao lembrar ao do Castrillón en Larouco e outros do Courel. 

Durante a escavación, a edafóloga Cruz Ferro tomou unhas mostras de terra "en puntos clave do momento de construción da muralla", segundo comenta.

Tras ser analizadas por Carbono-14 no laboratorio BETA de Miami, afirma que os resultados das datacións sería dos séculos VIII–IX antes da nosa era. Segundo Ferro, "a coherencia de resultados entre as tres mostras son altamente fiábeis” polo que desde o equipo arqueolóxico sinalan que se trata dun castro "extremadamente temperán" non comparábel con outros máis "clásicos" de épocas posteriores. "Isto reflíctese na propia toponimia; non é casual que se lle chame castelo e non castro.

Para a sociedade tradicional, isto non era un castro como pode ser o da Roda, tamén en Salcedo", aseguran. Con esta datación, Penas do Castelo situaríase na transición da Idade do Bronce á Idade do Ferro, no momento da construción dos primeiros castros no noroeste peninsular, é dicir, o momento no que as comunidades comezan a asentarse de forma sedentaria no territorio e a facer construcións permanentes en pedra. 

Interrogantes e retos 

Estes resultados provocan no equipo arqueolóxico novas preguntas. "Temos que entender que mentres esta comunidade está a dotarse dunha muralla de pedra de seis metros de ancho, noutros lugares da Galiza aínda están construíndo con paus, palla e barro", apunta o director arqueolóxico, Benito Vilas.

Ademais descoñecen como souberon a maneira de realizar "unha muralla de seis metros de ancho e cunha técnica tan depurada". 

O Concello proponse, como reto, apostar pola arqueoloxía en comunidade como estratexia de creación de recursos turísticos. "Sen dúbida aumentará o interese en visitar este xacemento", sinala o seu alcalde, Xosé Lois Maceda.

Comentarios