Análise

O castro de Alobre e o proxecto Trazas de Pontevedra (e II)

O arqueólogo Xulio Carballo analiza o que supuxo o proxecto 'Trazas de Pontevedra' na intervención en 18 castros e xacementos romanos co exemplo, nesta ocasión, no castro de Alobre, en Vilagarcía. Lamenta que primase o 'efectismo' e a 'desnaturalización' dos espazos fronte aos criterios de restauración, divulgación e musealización.
Imaxe da intervención levada a cabo no castro de Alobre, en Vilagarcía de Arousa. (Foto: Xulio Carballo Arceo)
photo_camera Imaxe da intervención levada a cabo no castro de Alobre, en Vilagarcía de Arousa. (Foto: Xulio Carballo Arceo)

Nun artigo anterior en relación co castro da Suvidá (Marín) falabamos das características do proxecto do Ministerio de Transporte e da Deputación de Pontevedra, denominado Trazas de Pontevedra, que ten como obxectivo poñer en valor 18 castros e xacementos romanos da provincia. 

Ese proxecto recibiu numerosas críticas, e moi recentemente o Icomos e o Consello da Cultura Galega emitiron informes moi críticos coa actuación, a petición de varias asociacións de defensa do patrimonio. O curioso desta actuación é que conta coa autorización da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta, órgano competente para velar pola protección do patrimonio arqueolóxico.

O castro de Alobre é un castro coñecido de antigo, conforme fixo saber Bouza Brey a través das escavacións e achados producidos no castro. Na actualidade forma parte do parque municipal do Castriño, situado no ámbito urbano de Vilagarcía. Nas dúas últimas décadas o Concello primeiro, e logo a Deputación, contrataron escavacións arqueolóxicas. Son as ruínas destes muros e estruturas castrexas e galaico-romanas onde o tándem Deputación de Pontevedra- Ministerio de Fomento/Transporte executaron os traballos supostamente de musealización e restauración dos que tratamos. Antes destas actuacións no castro unicamente existían árbores e herba, pero ningún outro elemento estraño. Coas actuacións do Ministerio o parque cambiou completamente a súa fisionomía; na miña opinión e na dalgúns veciños consultados (usuarios do parque), para peor.

As obras executadas no ámbito da parte escavada do castro son un exceso. Colocáronse numerosas lousas de pedra no terreo ao chou, no ámbito do propio castro, que non teñen ningún sentido, agás a procura do espectáculo (informe do CCG) e da forma pola forma, sen coñecer realmente onde se está actuando; en fin, un exercicio de banalidade arquitectónica.

No mesmo sentido se poden cualificar os postes de aceiro inoxidable que unicamente serven para instalar o logo de Trazas de Pontevedra; pero non cumpren ningunha outra función, mentres que coas súas cimentacións destrúen o rexistro arqueolóxico do subsolo. Tampouco se entende a necesidade e disposición dos bancos de pedra, posto que se localizan fóra dos lugares 
en sombra.

"Incomprensíbel"

Seguramente o máis incomprensible é o axardinamento de varias zonas do propio castro con plantas ornamentais. Eses espazos están delimitados por láminas de metal colocadas de canto, que non creo que cumpran ningunha norma de seguridade e menos nun parque público; desgraciadamente poden producir algún accidente.

Pero, con todo, o conxunto de elementos máis rechamantes e de maior impacto sitúase nunha plataforma artificial localizada por riba da área escavada. Por deseño, materiais e volume, ese corpo absorbe e minimiza as estruturas arqueolóxicas, que é o que se pretendía valorizar. A obra convértese en protagonista; razón pola que resulta completamente errónea.

E que dicir dos paneis informativos deseñados en pranchas de aceiro inoxidable, que son os únicos elementos que teñen relación coa musealización do xacemento? Esas pranchas producen reflexos que complican a lectura. 

A ausencia de valores didácticos conduce ao emprego de textos de letra moi pequena e de contidos pouco atractivos polo seu carácter técnico. Por outra parte, o idioma principal empregado é o castelán, situado na cara principal e con letra de maior tamaño, mentres que o galego e inglés sitúanse na cara posterior, con letra máis miúda. Aí vemos a nosa lingua tratada ao nivel dunha lingua estranxeira. Triste actuación do Ministerio e, sobre todo, da Deputación, co beneplácito de Patrimonio Cultural (Xunta).

En definitiva, a actuación no castro de Alobre é seguramente a máis desacertada e invasora das tres executadas polo Ministerio de Transporte-Deputación. Como din os informes do Icomos e do CCG, as obras non responden aos criterios de restauración e musealización de xacementos, senón a outra cousa. 

Non se xustifica a modificación das instalación e equipamentos xa existentes. Tampouco se cumpriron os criterios internacionais de intervención mínima (Icomos), senón que prima o deseño efectista fronte á transmisión dos valores culturais, e a desnaturalización fronte a recuperación da paisaxe (CCG).

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios