Buscan na Pobra do Brollón os restos de dous represaliados polo franquismo

O deputado de Memoria Histórica da Deputación de Lugo, Efrén Castro, visitou os traballos que se desenvolven en Fornelas.

Pobra do Brollón memoria represialados
photo_camera Unha imaxe dos traballos de busca, que principiaron esta semana (Foto: Deputación de Lugo)

O deputado de Memoria Histórica Efrén Castro achegouse esta terza feira o cemiterio de Fornelas, na Pobra do Brollón, para interesarse polos traballos de localización dos restos de dúas vítimas do franquismo.

Un equipo coordinado polo arqueólogo Xurxo Ayán, de Proxecto San Lourenzo, e polo vicepresidente da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH), Marco Antonio González, busca desde inicios desta semana os restos de Gervasio González, veciño de Ribas do Sil, e doutra vítima da represión, Ildefonso Fernández, de Quiroga.  A  ARMH baralla tamén a posibilidade de localizar o corpo de Ildefonso Fernández, de Quiroga.

Segundo as fontes documentais e orais recollidas na investigación previa, os seus corpos, tiroteados, apareceron na contorna da estación da Pobra de Brollón en setembro de 1936 e foron enterrados nunha fosa común á entrada do cemiterio.

As tarefas de localización tamén foron seguidas polo alcalde da Pobra de Brollón, Xosé  Lois Maceda, e do tenente de alcalde, Ricardo Rodicio, quen recibiron o agradecemento dos familiares de Gervasio González, polas facilidades na tramitación administrativa do proxecto.

En 2016,  a colaboracion entre ARMH e o arqueólogo Xurxo Ayán, director técnico do proxecto arqueolóxico do castro de San Lourenzo, permitiu localizar os restos de José Rodríguez Silvosa e Ramón Somoza, tamén vítimas do franquismo, que foron entregados os seus familiares.

A represión desatada polo golpe de Estado de 1936 foi especialmente cruenta no concello da Pobra de Brollón e, en xeral, na comarca de Lemos onde os movementos agrarios e obreiros  -vinculados á liña ferroviaria- opuxeron resistencia ao fascismo.

Comentarios