Braga25: a cultura como vector de integración e motor de dinamización

Reforzar os lazos coa cultura europea, transformarse en escaparate da creación portuguesa, crear oportunidades para o tecido cultural local. E, sobre todo, integrar as comunidades no mundo da cultura. Braga, utiliza o título de Capital Portuguesa da Cultura para construír unha estratexia cultural a longo prazo. 
Joana Meneses e Lais Pereira, durante a conversa mantida esta quinta feira. (Foto: Arxina)
Joana Meneses e Lais Pereira, durante a conversa mantida esta quinta feira. (Foto: Arxina)

Transformarse durante un ano en Capital Portuguesa da Cultura significa situarse dentro do panorama europeo, dar continuidade a unha estratexia cultural pensada para a década 2020-2030 e enriquecer o tecido cultural local con proxectos enraizados no territorio.

Joana Meneses –coordinadora executiva de Braga25, un programa que recupera o proceso de candidatura de Braga á Capital Europea da Cultura 2027, título que finalmente conquistou Évora– explica, en conversa con Nós Diario, que "sabiamos que desde Braga tiñamos que facer un esforzo adicional, porque as anteriores capitais foron Porto e Guimarães, ambas no norte do país. Mais pensabamos que o proxecto pagaba a pena e decidimos levalo adiante mesmo sabendo que as oportunidades de gañar o concurso eran poucas".

Meneses está de visita na Galiza, presentando a exposición que a fotógrafa Lais Pereira ten patente na Oficina de Informação turística de Porto e Norte de Portugal, en Compostela. 

O título de Capital Europea da Cultura outórgase a cidade concreta, mais Braga decidiu expandir o proxecto cara ás cidades veciñas, á rexión norte país e á Eurorrexión, "porque as dinámicas culturais non son compatíbeis con esas fronteiras administrativas". De aí que pretendan "crear un novo ecosistema cultural entre o norte de Portugal e a Galiza".

Estratexia cultural

A intención de facer da cultura un eixe da cidade pasa por  crear unha estratexia cultural a longo prazo. De feito, Meneses afirma que "ser Capital Portuguesa da Cultura é so un momento máis desa estratexia. O momento en que todo se torna máis visíbel. O importante é o que fica despois de todo isto".

 Braga25 fíxase tres obxectivos fundamentais cunha correspondencia territorial concreta: reforzar os lazos con Europa, onde entra de cheo a relación coa Galiza; transformar Braga nun palco onde se mostre a creación contemporánea de todo Portugal; e finalmente, crear oportunidades para o tecido cultural bracarense.

A respecto deste punto, Meneses matiza que este último punto implica tamén un labor de capacitación de axentes culturais que "non están aínda afeitos a traballar con parceiros doutros territorios, nacionais e internacionais. Esa é unha aprendizaxe que serve como experiencia e que fica como un activo despois de que remate a capitalidade". 

De feito, Braga conta cunha actividade cultural que está moi por riba da proxección que se lle dá, polo que o programa pretende renovar e rehabilitar espazos de traballo, de creación e de residencias artísticas para os axentes locais

Mais non só dos axentes culturais que se identifican como tal: Braga25 visa a converter a cultura nunha parte do cotián da poboación e, para iso, desenvolveu un programa de integración de diferentes comunidades que van desde os grupos de teatro afeccionado até o que Meneses chama "os novos bracarenses" -é dicir, os colectivos de inmigrantes-, os ziganos ou a comunidade LGBTIQ+.

"Para nós é moi importante dar voz e visibilidade a todas esas comunidades que conforman a cidade e que, en moitas ocasións, non son consumidores de cultura tal e como se entende habitualmente. Por iso hai proxectos que levan a creación cultural a lugares que están moi poboados pero nos que non existen espazos culturais que promovan a actividade cultural. Unha boa parte da programación ten como obxectivo abrir novos campos de fruición artística, de participación de diferentes comunidades e de reflexión sobre o territorio. Son proxectos pensados para deixar sementes que poidan xerminar nos próximos anos", afirma Meneses.

Como exemplo, Meneses menciona, Forma da Vizinhanza, un festival de arquitectura concibido para fomentar o sentimento de comunidade en espazos da cidade que medraron de forma rápida e desordenada sen planificar espazos culturais nin de reunión. O festival aproveita os intersticios entre as edificacións para instalar intervencións que se transformen en puntos de encontro da veciñanza. Un proxecto no que participa o arquitecto pontevedrés Manuel Bouzas, recentemente nomeado co-curador da representación do Estado español na Bienal de Arquitectura de Venecia. Ou a reactivación de quiosques en desuso reactivados como salas de microexposicións para artistas locais e estranxeiros como, por exemplo, Hilda de Paulo.

Comunidade e participación

A fotógrafa Lais Pereira, que está presente na conversa, relata a súa experiencia como "acompañante" de todo o proceso e, malia que tende a fotografar espazos baleiros, matiza que ese Segundo plano que dá título á exposición "é o espazo da imaxinación e do sono, un espazo de convite no que as persoas de todas esas comunidades poidan xuntarse e crear novas paisaxes culturais".

Un espazo de integración que atinxe ás comunidades non humanas, tinxindo toso o programa cunha preocupación ecolóxica que non podía estar ausente da programación: Meneses explica que un dos proxectos desenvólvese no Banco Português de Germoplasma Vegetal, un banco de sementes nacional localizado en Braga. "Fala de comunidades vexetais, non humanas, pero que tamén teñen especifidades locais: especies autónomas, cultivares... Creo que este tipo de proxectos  explican moi ben o que significa Braga25".

Contaminar o territorio

Propiciar que a creación contemporánea chegue a todas as persoas e que todas elas se convertan en motor ou vehículo cultural, incidir na dimensión comunitaria da cultura, crear sinerxía con creadores e creadoras doutras xeografías. Braga25 opera como unha síntese do que podería ser unha política cultural atenta ás preocupacións da sociedade contemporánea.

"E tamén descentralizar a cultura", engade Meneses. "Existen certos espazos que son santuarios culturais: teatros, museos... Mais nós considerar que é un deber contaminar   o resto do territorio coa actividade cultural, de maneira que as dinámicas culturais cheguen a todas as capas da poboación. Que a cultura se converta en algo verdadeiramente popular", remata.

Comentarios