Unha biografía inédita de Murguía, escrita en 1953, verá a luz en maio
Alvarellos Editora publicará na primavera unha extensa biografía sobre Manuel Murguía escrita en 1953, en galego, por Lois Carré Alvarellos. Trátase dun mecanoscrito de 370 páxinas encadernado en dous tomos que o autor titulou Murguía, o patriarca. Estudo bibliográfico do grande home. A obra abarca desde o nacemento do intelectual, en 1933, até inicios da década de 1880, pouco antes de falecer a súa esposa, Rosalía de Castro. O proxecto quedou sen rematar, pois nel traballaba Carré cando morreu en 1965.
Ao coidado da edición estará a especialista en Lois Carré Esther García de Lucas e a profesora da Universidade da Coruña e investigadora Olivia Rodríguez González.
A publicación deste inédito, que coincide co centenario da morte de Murguía, será de "enorme valor" para a cultura galega, pois, entre outras achegas, completará a visión das dúas grandes biografías que, sobre Murguía, se coñecían até o día de hoxe: a publicada en 1933 por Vicente Risco, e a de 2012 de Xosé Ramón Barreiro.
"A de Carré figura no medio das dúas e será unha peza fundamental para completar a visión de Murguía", explicou a profesora Olivia Rodríguez.
Unha obra custodiada durante 70 anos
Lois Carré Alvarellos foi un dos 12 fillos de Uxío Carré e Purificación Alvarellos, varios deses fillos, tamén escritores. Esther García de Lucas destacou que "foron as dúas fillas e herdeiras de Lois Carré, Obdulia e Purificación Helena (xa falecidas), as que custodiaron a súa obra e, no seu día, depositaron en nós a biblioteca do seu pai". Lois Carré "foi realmente un discípulo de Murguía, que decide homenaxealo con este exhaustivo traballo", engadiu.