A Academia revisa o papel de Murguía como pai da patria

A Real Academia Galega e o Concello da Coruña celebrarán o 1 de febreiro un acto institucional no pazo municipal de María Pita tras descubrir unha placa conmemorativa no cemiterio de Santo Amaro

Manuel Murguía, nun retrato realizado o día en que facía 89 anos. (Foto: RAG)
photo_camera Manuel Murguía, nun retrato realizado o día en que facía 89 anos. (Foto: RAG)

"A sombra de Rosalía de Castro é moi poderosa", sentencia Víctor Freixanes, presidente da Real Academia Galega (RAG), en conversa con Nós Diario, para explicar o relativo grao de descoñecemento da figura de Manuel Murguía. "Ambos forman un tándem no que cada un xoga o seu papel, pero competir coa obra de Rosalía é moi difícil. Non obstante, Murguía é moi potente intelectualmente: é imposíbel comprender a Galiza contemporánea sen a súa figura, sen toda unha obra absolutamente centrada na construción -ou máis exactamente, no rexurdimento- da identidade do país".  

A Real Academia Galega comeza este 1 de febreiro a celebración do centenario do pasamento de Murguía cun acto simbólico, ás 12 horas, no cemiterio de Santo Amaro da Coruña. Ao pé da tumba de Murguía descubrirase unha placa conmemorativa encargada pola Real Academia Galega e o Concello da Coruña ao deseñador Pepe Barro. Posteriormente, ás 13 horas, celebrarase un acto institucional no salón de plenos do pazo de María Pita. 

"Quixemos organizar un acto simbólico co suficiente peso como para recoñecer o xigantesco labor de Murguía e reivindicar o seu papel como pai da patria", declara Freixanes. 

"A conmemoración deste centenario é a oportunidade que temos para reflexionar sobre a súa figura e a súa obra", continúa o presidente da Academia. "Murguía ten un biógrafo excepcional, que é Barreiro Fernández, e unha edición do seu epistolario de primeiro nivel editado polo propio Barreiro e por Xose Lóis Axeitos. Son documentos que deben servir de punto de partida para volver á figura de Murguía e á importancia da súa obra. É preciso revisar a súa figura con coñecemento e coa cabeza fría, definir cal é o papel que ten hoxe na historia cultural e política da Galiza".  

 

Reflexión sobre a obra

Para ese labor de reflexión e revisión, a Academia organiza as Xornadas Manuel Murguía. Centenario 1923-2023 que, coordinadas por Ramón Villares e Marilar Aleixandre, se desenvolverán na Fundación Luis Seoane da Coruña, na Universidade de Santiago e na Casa Museo Rosalía de Castro, en Padrón. 

As tres sesións afondarán en tres aspectos esenciais, "a contribución a crear a historia da Galiza, como un relato global interpretativo do ser de Galiza; o traballo político, como dirixente do rexionalismo de orientación liberal, colocando Galiza no contexto político peninsular, con Catalunya e o País Vasco como piares do que significaba a revista La España Regional; e, por último, a institucionalización da cultura galega mediante a fundación da Real Academia Galega, coa axuda das colectividades da emigración, nomeadamente da Asociación Protectora de La Habana, dirixida por Fontenla Leal e Manuel Curros Enríquez", segundo explica o propio Villares na presentación das xornadas. 

Na primeira xornada, o 2 de febreiro, na Fundación Luis Seoane, Xosé Luís Axeitos afondará na relación de Murguía coa cidade da Coruña e a propia RAG; Ana Romero Masiá centrarase nas orixes da RAG e a Sociedad de Folklore Gallego; Emilio Xosé Ínsua centrarase nos conflitos, logros e limitacións dos primeiros anos da RAG, e Pepe Barro falará da bandeira galega de Manuel Murguía e Rosalía de Castro.

Os símbolos da patria 

Ademais da magnitude da súa obra escrita, Manuel Murguía é, en gran medida, o responsábel da creación de todos os símbolos que actualmente representan o país, comezando pola propia bandeira. "Os símbolos son moi importantes para a identidade dunha nación", acrecenta Freixanes, "e Murguía traballou incansábelmente polo idioma, pola historia, pola bandeira... En certo sentido, todo o entramado simbólico da Galiza contemporánea son unha creación súa". 

Nese traballo de recuperación e dignificación da identidade galega, Manuel Murguía non estivo só, xa que Rosalía foi a compañeira de viaxe que o pobo aceptou como un símbolo máis desa Galiza. 

"A obra de Rosalía ten un gran mérito: sendo un discurso cultural de primeiro nivel, conecta co pobo dunha maneira abraiante. O pobo fixo súa a palabra de Rosalía, mesmo sen lela, e acabou converténdoa nun referente fundamental da súa identidade colectiva. Esa, na miña opinión, é a maior recompensa que pode ter calquera persoa que se dedique á escrita. E creo que Murguía se decatou desa potencia e tratou de conservar -como mellor entendeu- ese valor simbólico que Rosalía xa emanaba", continúa o presidente da RAG. 

 

Reler Murguía 

En todo caso, a obra de Murguía segue sendo unha ilustre descoñecida na sociedade actual. Deberiamos reeditalo, relelo, revisalo? 

"Murguía ten unha obra descomunal, unha produción moi grande", responde Freixanes. "A súa Historia de Galicia segue ofrecendo unha visión do país que sen dúbida está enriquecida desde o punto de vista historiográfico, mais non sei se está superada desde unha perspectiva ideolóxica. E logo, ten outras obras interesantísimas, desde A primeira luz, até o discurso que dá nos Xogos Florais de Tui de 1891, pasando por Los precursores. E ten unha produción xornalística inmensa, foi un gran polemista. Se cadra esta parte da súa obra está moi marcada pola actualidade do seu tempo e resulta máis dificil de valorar hoxe sen a axuda dunha contextualización, pero en todo caso, unha relectura da súa obra resulta imprescindíbel na actualidade".

Comentarios