Bernardino Graña, Natalia Lamas e Zaza Ceballos, premios da Cultura Galega

Nova Galega de Danza e Antón Pulido son outros dos galardoados deste certame cuxos resultados transcenderon na tarde desta terza feira. O obxectivo destes recoñecementos é premiar a "excelencia creativa, a capacidade de intercambio, a experimentación e a proxección da construción cultural na Galiza".
O xurado dos premios, esta terza feira. (Foto: Xunta da Galiza) #premiosdaculturagalega #culturagalega #xurado  #bernardinograña #2021
photo_camera O xurado dos premios, esta terza feira. (Foto: Xunta da Galiza)

O xurado dos Premios da Cultura Galega 2021 vén de seleccionar Bernardino Graña, Natalia Lamas, Zaza Ceballos, Antón Pulido e Nova Galega de Danza entre as galardoadas neste certame que ten como finalidade recoñecer a excelencia creativa, a capacidade de intercambio, a experimentación e a proxección da construción cultural na Galiza.

O académico, poeta, narrador e articulista foi recoñecido no apartado das "Letras". Docente até a súa xubilación, Graña colaborou con numerosas publicacións, faladoiros, prensa escrita, e foi impulsor do primeiro intento dun centro PEN Galiza en colaboración con Eduardo Branco Amor e Xosé Luís Méndez Ferrín, entre outros.

A pianista Natalia Lamas foi distinguida no ámbito da música polo valor da súa traxectoria de prestixio internacional. Ademais, preside a Asociación de Amigos da Ópera, considerada a entidade lírica máis antiga do Estado español nesta materia.

Na área do audiovisual, o xurado decantouse por Zaza Ceballos, produtora, escritora, directora cinematográfica e unha das pioneiras do audiovisual na Galiza. Directora e responsábel executiva de Zenith Televisión, Ceballos recibiu a Medalla Emilia Pardo Bazán 2021 polo seu labor centrado no recoñecemento á muller.

No que se refire ás artes plásticas', o galardón será para o pintor e gravador ourensán Antón Pulido, autor de mostras por todo o mundo (Xangai,  Beijing,  Seúl...). Este artista desenvolveu un papel como xestor cultural na Dirección Xeral de Cultura da Xunta a principios dos 90 e foi o primeiro director do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) en 1994.

Así mesmo, homenaxéase o papel de Nova Galega de Danza, unha entidade xurdida da man de Vicente Colomer e Jaime Pablo Díaz e destacada na fusión da tradición folclórica de raíz galega coa danza contemporánea, na sección de artes escénicas.

Os premios miran para o programa "Dígocho eu" da CRTVG á hora de outorgar o recoñecemento en lingua. O xurado decantouse por esta proposta pola "súa exitosa iniciativa de resolución de dúbidas sobre o idioma e empregando, ademais, unha linguaxe comunicativa moderna que conecta co público de todas as idades".

O galardón na modalidade de patrimonio cultural recae no Mosteiro de San Pedro de Rocas, probabelmente o conxunto  cenobítico máis antigo da Galiza. Por último, o de proxeción exterior será para a Federación de Asociacións Galegas da República Arxentina (FSG).

Comentarios