Belém Tajes gaña o Premio Fran Pérez 'Narf' 2025

A votación do xurado puxo en segundo lugar a Marián e en terceiro a Vimbio.

Belém Tajes, este 2 de novembro na Coruña. (Foto: Deputación da Coruña)
Belém Tajes, este 2 de novembro en Compostela. (Foto: Deputación da Coruña)

Belém Tajes é a gañadora do XVII Concurso Fran Pérez 'Narf' para grupos e artistas musicais que promove a Deputación da Coruña. O ditame do xurado, que valorou o risco á hora de facer ponte entre a música galega e latinoamericana, ademais dos arranxos, alzou o conxunto de Belém Tajes nunha gala final na que Marián rematou segunda e Vimbio terceira. Alén das actuacións a concurso tamén participou como banda convidada o dúo Caamaño&Ameixeiras nun acto que estivo conducido polo xornalista Luís Pardo e no que tamén participou o artista visual Iván Torres.

Belém Tajes é unha cantante e compositora coruñesa, e foi parte de bandas como Vudú, Aliboria ou Luar na Lubre. En novembro de 2024 publicou o seu primeiro álbum de longa duración, Amar o mar, un traballo que mestura música tradicional galega e latinoamericana con toques de pop e electrónica. O xurado salientou dela "as letras moi coidadas e unha aposta singular e con personalidade na instrumentación".

A gala, decorrida este domingo en Compostela, acolleu as actuacións de 15 minutos das tres bandas finalistas e o xurado (presidido pola deputada Natividade González, con Manuela Muñiz como secretaria e formado por Daniel Salgado, Ugia Pedreira, Alberto Busto, Noa Díaz e Tomi Legido) decidiu o gañador, que leva 4.000 euros, alén de varias actuacións en festivais galegos; o segundo clasificado 2.000 e o terceiro 1.500. Durante a súa deliberación, os asistentes puideron desfrutar da actuación de Caamaño&Ameixeiras. O xurado elixiu os finalistas entre a trintena de propostas recibidas.

O Concurso Fran Pérez 'Narf' de música ten o obxectivo de difundir, apoiar e promocionar os grupos e artistas musicais das diferentes comarcas e localidades galegas, así como lembrar e difundir socialmente a figura e a o obra do músico e compositor Fran Pérez 'Narf'. Algunhas das bandas gañadoras deste premio son Mounqup, Bala ou Familia Caamagno, entre outros.

Comentarios