A descuberta corre risco de estragarse se non se toman medidas

Descobren un dolmen e unha mámoa no Concello de Barreiros

Penabor e O Cruceiro da Ínsua son os protagonistas da actualidade patrimonial galega porque neles acaban de saír á luz dous novos monumentos funerarios. O achado fíxoo a asociación Mariña Patrimonio, que aproveita para denunciar a falta de apoio e atención por parte da Xunta que padecen desde hai xa tres anos.

6-DSC_0346
photo_camera Unha das mámoas descubertas en agosto conserva o dolmen.

As asociacións culturais Mariña Patrimonio e Irmandade Santo Estevo veñen de descubrir no Concello de Barreiros dous novos xacementos arqueolóxicos. Os achados producíronse nos lugares de Penabor e no Cruceiro da Ínsua.

En declaracións a Nós Diario, o presidente da asociación mariñá, Manuel Miranda, relata que “no mes de agosto detectamos que podía haber unhas mámoas na zona e fomos ver”, nese mesmo lugar xa descubriran cinco anos atrás outra. En Penabor localizaron unha duns 15 metros de diámetro, que presenta cono de violación e, en palabras de Miranda, “a novidade é que se conserva o dolmen”, no que destaca a presenza de tres ortóstatos ou chantas.

A mámoa do Cruceiro da Ínsua ten uns 20 metros de diámetro e nela apréciase, no lateral sueste do túmulo, o que podería ser o cono de violación.

O presidente de Mariña Patrimonio comenta, “houbo unha corta recente de eucalipto e vimos que había un montículo no medio da chaira e alí atopamos a segunda mámoa”.

Logo da descuberta, ambas as asociacións contactaron coa Dirección Xeral do Patrimonio Cultural para solicitar a inclusión dos dous monumentos megalíticos no Catálogo do Patrimonio Cultural da Galiza, aínda que segundo aseguran, temen que "tanto a mámoa de Penabor como a da Ínsua se sumen á longa lista de bens patrimoniais que a dirección xeral nin cataloga nin protexe”.

Desde estas entidades mariñás opinan que o abandono se debe "ao boicot que o organismo autonómico lle fai ás solicitudes que presenta Mariña Patrimonio”. “Nestes momentos temos presentadas máis de 50 solicitudes sen resposta”, asegura Manuel Miranda, que destaca que todas elas non só as fan individualmente desde Mariña Patrimonio senón que tamén presentan iniciativas en conxunto con outras asociacións de patrimonio e con colectivos ecoloxistas. Pola súa banda a dirección xeral asegura que se deprazará "nos vindeiros días para avaliar a descuberta e prospectar outras dúas referencias no mesmo concello".

Miranda recalca que “como xa temos esta experiencia dos últimos tres anos, queremos facer pública a descuberta e denunciar que non se vai catalogar” e engade que “as máis de 50 solicitudes que temos tamén as iremos facendo públicas e pasaremos polos concellos onde sabemos que hai xacementos para que tenten eles directamente comunicar con Patrimonio”.

As asociacións apuntan se reuniron coa alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, para informala destas descubertas e para solicitarlle que o concello inste a dirección xeral a que catalogue e protexa os dous xacementos.

O perigo dos eucaliptos

“O que máis nos inqueda das últimas comunicacións que recibimos sobre algún dos xacementos é que están en risco por causa de que van cortar os pinos e van plantar eucaliptos”, asegura Manuel Miranda, “sabémolo con meses de adianto e se o xacemento non está protexido non se pode facer nada”.

Para o presidente de Mariña Patrimonio, “o que pasa é moi grave, a comarca converteuse nun xigantesco eucaliptal e esa árbore é a maior destrutora de patrimonio arqueolóxico que poidamos imaxinar”. Segundo Miranda, o feito de que a maioría dos xacementos estean no monte é incompatíbel cunha industria como a do eucalipto, que usa maquinaria pesada.

O presidente asegura que “nos últimos anos fixemos moitas denuncias a este respecto e por parte da industria madeireira si que tomaron medidas por cuestións económicas. Así, directamente non mercan madeira cortada nas inmediacións dun castro”. O porqué deste cambio é, para Miranda, que “o ritmo de traballo e a maquinaria que se require encarece moito o proceso”.

Os últimos monumentos engrosan a listaxe patrimonial da Mariña

Unha mámoa de 20 metros de diámetro e outra de 15 que conserva o ortóstato son só algunhas das descubertas feitas por Mariña Patrimonio desde a súa fundación.


Ademais de denunciar, cando cómpre, percorrer o monte e atender con especial interese a corta de árbores para atopar novos xacementos ou protexer os xa existentes, a entidade promove a celebración de roteiros, charlas divulgativas sobre patrimonio cultural.

Doce anos de traxectoria

A asociación Mariña Patrimonio fundouse no ano 2008 co obxectivo de divulgar e defender o patrimonio arqueolóxico, prestando un especial interese na propia comarca.

Unha ducia de anos máis tar-de, débeselle a esta entidade a descuberta dun gran número de xacementos.

Comentarios