Seminario das adegas Martin Códax

Banda sonora para a gastronomía galega

Os posíbeis fíos que cosen a música co gastronomía de Galiza preocupan a Xurxo Souto. Tanto que esta segunda feira, 11 de xuño, ofrecerá unha palestra de título Despensa Sonora sobre as interaccións das dúas disciplinas. Será na sala Numax de Compostela dentro do programa Música e Pratos das adegas Martín Códax.
 

bodegas martin códax
photo_camera Imaxe das adegas Martín Códax: Foto: Martín Códax.

“Este proxecto ten como obxectivo integrar a música galega como un ingrediente máis da nosa gastronomía”, sinalan desde Martín Códax. Canda Souto, falarán a avogada Ania González -sobre Música e propiedade intelectual: dereitos e obrigas- e o cociñeiro Marcos Cerqueiro, copropietario do afamado restaurante compostelán Abastos 2.0, cuxa intervención titúlase Un ingrediente máis: a luz e o son.

“Hai tempo que os obxectivos da hostalería pasaron de ser unicamente 'dar de comer' a querer xerar momentos exclusivos en torno á mesa”, afirman desde a organización. E a vía de procurar unha banda sonora axeitada para a recente, e innovadora, cociña galega pode contribuír. De feito, a orixe da iniciativa atópase nunha experiencia da asesora cultural de Martin Códax, Rosa Bugallo.

Hai uns meses, compartía mesa e mantel cuns amigos nun coñecido estabelecemento restaurador. O xantar era gastronomicamente inmellorábel. Mais de fondo soaba a colombiana Shakira. Bugallo pensou que, para que aquel intre fose completo, a música debía acompañar. Aos poucos, foi perfilando o seminario Música e Pratos, dirixido fundamentalmente a hostaleiras e hostaleiros.

“Cómpre ofertar experiencias multisensoriais únicas que perduren na memoria e que fidelicen o cliente”, expoñen desde as adegas, “deste xeito, cóidase tanto a calidade do alimento (kilómetro 0, ecolóxico, identidade cultural) como o espazo en que se ofrece (ambientación, arquitectura, iluminación, protocolo...)”.

Para Martín Códax, ao cabo, a música debe facer parte desta nova ollada sobre o fenómeno gastronómico. O seminario, cuxa etapa compostelá o 11 de xuño -entre as 10.30 e a 13.30 horas- será a primeira dunha xira polas cidades galegas, procura “debater cos hostaleiros as posibilidades que a música galega ten como valor diferencial da súa proposta gastronómica”.

Comentarios