O Ateneo de Santiago abre esta terza feira o ciclo 'Cinema Galego do Século XXI'
Esta terza feira, ás 19 horas, dará comezo no salón de actos da rúa do Vilar de Compostela o Cineclub Ateneo co novo ciclo Cinema galego do século XXI. O programa contará coa presenza de recoñecidos directores e directoras, guionistas e actores e actrices que presentarán as súas obras e dialogarán co público tras cada proxección.
O ciclo abrirá esta tarde coa película Eroski Paraíso (2019), de Jorge Coira, coa presenza do director do filme, que naceu como unha obra creada por Chévere en 2016. Despois de xirar con ela tres anos, decidiron convertela en longametraxe. O resultado é un esforzo conxunto dun grupo de profesionais do audiovisual e do teatro.
Nas semanas seguintes proxectarase unha coidada selección de filmes. Destacan títulos como O lapis do carpinteiro (2003), a primeira longametraxe dirixida por Antón Reixa, un emotivo relato baseado na novela do mesmo título do escritor Manuel Rivas; Doentes (2011), un filme baseado noutra peza teatral, desta vez de Roberto Vidal Bolaño, cuxo guionista, Roberto G. Méndez, ofrecerá detalles do proceso creativo, e Malencolía (2021), con Alfonso Zarauza, que explorará as claves dun dos filmes máis introspectivos do cinema galego dos últimos anos.
O programa inclúe tamén a proxección de traballos documentais e ficcións recentes, como Sofía Casanova: a obreira do pensamento (2022), presentada pola directora Zaza Ceballos, que revisa a figura dunha das intelectuais galegas máis influentes. Por outra parte, O home e o can (2022), de Ángel de la Cruz contará coa presenza do actor Manuel Manquiña.
O ciclo fechará o 25 de febreiro con Salta! (2023), de Olga Osorio. Unha obra presentada pola actriz Mabel Rivera.

