Xa ten dito que non sabe en que momento decidiu facer unha película coa obra de Chévere, pero que lle atría de Eroski Paraíso?
O momento no que decidín facela ten que ver totalmente co porqué. Foi cando atopei unha idea que podía traducila. Falando con eles dicía: “Si que me resulta atractivo facer unha adaptación”. Porén, baixando á terra, era consciente de que tiña que atopar algo que fixese que pagase a pena. É dicir, non era cuestión de facela porque si, senón de atopar un xeito de xogar dunha maneira semellante a como o facía a obra de teatro con esa xenialidade de que non existise a cámara. Na obra hai unha rodaxe, pero non existe o dispositivo que a grava. Por iso había que atopar unha idea do mesmo calado, pero cinematográfica. Só se aparecía tería senso adaptala. E agromou no momento en que propuxen a posibilidade de traballar coa premisa de que, da mesma maneira que na obra de teatro non existe a cámara, que no filme só existise a cámara. Ter todo desde o punto de vista que a cineasta emprega para facer o documental. Cando pensei iso xunto coa posibilidade de traballar con dúas cámaras, en simultáneo, podendo empregar pantallas partidas na montaxe, coas que facer todo tipo de xogos cinematográficos, pareceume que era o que procuraba para que pagase a pena. E lanceime.
"Admito que me parecía difícil adaptar a orixinalidade do teatro de Chévere ao cinema, pero coido que o conseguiu, fiel ao texto mais con técnicas propias". Polo que di, entendo que esta era a preocupación central.
Efectivamente. Chévere traballa dunha forma puramente teatral, é dicir, nese momento no que están en escena entenden moito a natureza da linguaxe, que no caso do teatro é basicamente convencional. Estabelecemos convencións que compartimos entre os actores e os espectadores. Por exemplo, se dicimos que aquí diante hai unha cámara, non fai falla vela fisicamente. Aceptámolo e traballamos desde aí. Toda a obra está chea de ideas desa natureza, de maneira moi intelixente. Se non aparecesen, a obra sería teatro rodado, que tampouco é cinema, senón algo terríbel, sen ningún interese en absoluto. Eu non buscaba iso, quería conseguir xogar coa linguaxe para facer algo que tivese valor intrínseco, cinematográfico.
Con todo, penso que mantén a esencia da obra.
Si, claro. Ademais non quería agochar a súa orixe teatral, porque se ve moi claramente que vén dunha obra de teatro e non hai ningunha razón para escondelo. Pero ao mesmo tempo a linguaxe tiña que ser propia, o filme debía atopar un código de seu que fose esencialmente cinematográfico. Ese equilibrio entre dous mundos parecíame moi atractivo e penso que a converte nunha película moi fóra do común, moi especial, porque é unha cousa híbrida. Non é teatro, pero tampouco deixa de selo.
O filme irradia teatralidade e naturalidade, xogando sempre co real e o representado, case como se se camuflase de falso documental…
Ese tipo de xogos eran o atractivo, ir a ese terreo. Como se desenvolveu isto na rodaxe? Quero dicir: até que punto as cousas están pactadas ou hai espazo para a improvisación? Os Chévere traballan dunha maneira moi orgánica, o seu non é un teatro de texto. De feito, eles non traballan exactamente cun guión, senón que fan un traballo investigación e de creación dentro do cal saben moi ben de que vai a escena. Iso fixo moi doado propor de novo a situación e que os elementos que puidesen cambiar aparecesen de maneira fluída. Había cousas que si mudaban, como o equipo técnico de rodaxe. Na obra, é só unha persoa encarnada pola personaxe de Marc, mais no filme son varios, pois hai, en efecto, dúas cámaras, un sonidista… E mesmo as cámaras poden chegar a verse entre elas. Todo isto non houbo que facelo moi serio, foi poñelo sobre a mesa e os actores asumírono, deseguido comezaban a xogar coas cámaras, miraban para os micros… Todo ía aparecendo dunha maneira moi natural. E tamén moi divertida, porque para eles tamén supuña revisitar unha historia que xa fixeran mil veces, desde outro punto de vista, con pequenas mudanzas e dunha forma, por outra banda lado, completamente nova. Foi moi interesante a rodaxe.
[Podes ler a entrevista íntegra no número 377 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]