Ataque Escampe libera a alma

Desde esta quinta feira pódese escoitar o novo traballo da banda, ‘A Alma, nas plataformas de streaming. Ademais, está xa dispoñíbel o primeiro videoclip dese EP, que é o Este séptimo traballo en estudio do grupo. Vídeo no interior.

ataque escampe

Ataque Escampe vén de publicar esta quinta feira nas principais plataformas de streaming o EP A alma, que contará tamén cunha edición limitada en vinilo de dez polgadas dispoñíbel nas próximas semanas. Con este traballo, gravado entre maio e outubro de 2019 no Laboratorio Soyuz e producido por Hevi (Malandrómeda, Fluzo), a banda parte do pop para achegarse a xéneros como o krautrock, o ambient, o R&B ou mesmo o rock de estadio.

A alma supón o primeiro traballo discográfico da nova formación de Ataque Escampe, na que continúan Miguel Mosqueira, Samuel Solleiro e Lois G. Carlín e á que veñen de incorporarse o cantante Alex Charlón (quen xa fora membro da banda dende os seus inicios ata o LP O disco vermello), o batería Cibrán Tenreiro (tamén membro de Esposa, Monstruo ou Zara) e Julio Vilariño (quen producira o LP Primeiros bicos) aos sintetizadores. No EP colaboran ademais María Villamarín (Esposa), que canta en “As Cruces”, e o actor e dobrador Miguel Pernas, que presta a súa voz ás pezas de introdución e peche do disco, “Tema d’A alma” e “Reparto d’A alma”.

“O que pode un corpo”

Xa está dispoñíbel tamén o primeiro videoclip extraído do EP. “O que pode un corpo” foi realizado por David Silva, responsábel tamén do deseño gráfico e o traballo fotográfico d e ‘A alma’ e de varios dos vídeos musicais previos de Ataque Escampe.

As cancións de A alma sonarán por primeira vez en directo o 28 de decembro, no IV Guateque de inverno da Gentalha do Pichel (Compostela)

 

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios