Dirixe Arraianos Producións e o proxecto 'Xosé Vizoso'

Aser Álvarez: "Vizoso é un artista que coa súa traxectoria nos fai entender o deseño na Galiza do século XX"

Xosé Vizoso é un artista plástico mindoniense que durante décadas foi a man dereita de Isaac Díaz Pardo no departamento de deseño da factoría Sargadelos. Agora a súa figura e o significado dos seus traballos son recuperados por Arraianos Producións, coa axuda económica da Deputación da Coruña, que elaboran o proxecto singular transmedia Xosé Vizoso e Sargadelos. 
726G0101.00_57_07_21.Imagen fija002
photo_camera O artista Xosé Vizoso mais o director Aser Álvarez durante a rodaxe da curta documental co alumnado. (Foto: Nós Diario)

Cando e como xorde este proxecto sobre Vizoso?

É algo que levaba querendo facer moitísimos anos. Coñecín a Vizoso cando se conmemorou o centenario do Quixote e el estaba facendo en Sargadelos as figuras de Quixote e Sancho. Convideino a participar en Celanova nun proxecto de recuperación da memoria histórica e fixo o mural do Alto do Furriolo, unha especie de Guernika galego, unha homenaxe ás vítimas do franquismo.

E desde aquela sentinme en débeda con el, porque realmente o proxecto foi extraordinario, aínda vivía Isaac e dicía do que era “un berro de liberdade no medio do monte”. Pero nunca daba atopado o momento para pórme, nin o vagar para dedicarme, mais creo que é un proxecto moi necesario porque Xosé Vizoso é unha personaxe moi descoñecida e un artista que a través da súa traxectoria nos fai entender boa parte do que foi o deseño e a arte plástica na Galiza no século pasado.

Explíquenos en que consiste e que queda por facer.

O proxecto é unha homenaxe a un home que sempre estivo na sombra, unha persoa que ademais destaca pola súa extraordinaria xenerosidade. Ten por un lado pezas audiovisuais, videocreación, unha banda sonora de Moisés Quintas creada ao fío da propia obra e do proceso creativo de Vizoso. Tamén quixemos darlle unha vertente didáctica e pedagóxica.

Por exemplo, unha das accións foi levar a exposición de carteis ao centro de ensino Rosalía de Castro, que tamén colaborou en parte da rodaxe dunha entrevista, e logo aos centros educativos de Brión, que é onde vive Vizoso. A idea é facer o proxecto extensivo, isto non é máis que unha primeira aproximación e ao ser un proxecto web permítenos seguir medrando conforme vaiamos traballando. 

Hai moitísimo material: cartelaría, ilustración, murais, todas as portadas de Ediciós do Castro, os deseños das principais pezas de Sargadelos... Comezar a ordenar e catalogar, inventariar o seu traballo durante estas décadas para que todo isto poida culminar cunha grande exposición retrospectiva no ano 2022.

Tamén queremos facer un documental biográfico máis longo durante 2021 e onde falemos dos lugares importantes na súa vida, Mondoñedo, Cervo, Sada e Brión. No traballo tamén se amosa unha faceta máis descoñecida de Xosé Vizoso, que é a dos retratos e a das caricaturas, tomando algo en calquera lugar ponse a facer apuntamentos rápidos de alguén que lle chama á atención.

Menciona unha mostra de carteis nos centros de ensino, alumnado compostelán que lle fixo unha entrevista na súa casa... Como foi a experiencia para a rapazada?  

Foi unha experiencia marabillosa, no nivel pedagóxico, no didáctico, e puidemos facela antes do confinamento. Partimos dun convite que lle fixemos ao centro Rosalía de Castro de Compostela, a través dun proxecto no que participan e que se chama SCQ+. Fixemos varias xornadas de rodaxe con eles na casa de Xosé Vizoso en Brión.

Despois diso a rapazada non paraba de preguntar cando poderiamos retomar o traballo. Conseguimos facer varias xornadas de rodaxe antes do confinamento e rematamos cando se puido e como se podía, é dicir, mantendo todas as medidas de seguridade, pero a día de hoxe o alumnado segue a preguntar por el, porque é un home entrañábel, moi agarimoso.

En Vizoso dáse unha síntese máxica entre Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane, o seu propio estilo acaba sendo unha simbiose. Ese modo de traballar, a disciplina do traballo, o debuxo como berce de toda a obra.

Comentarios