Educación

Aprendendo a ensinar: as potencialidades da arte para repensar a educación

Un libro de Kalandraka na procura de alternativas pedagóxicas
Rocío Modia, Salvador Cidrás e Vicente Branco.
photo_camera Rocío Modia, Salvador Cidrás e Vicente Branco.

A arte preséntase como poderosa aliada para construír outros modelos de educación crítica e participativa. Tal é a tese que defende Educar a través da arte. Cara a unha escola imaxinada, libro que asinan Vicente Branco e Salvador Cidrás para a colección pedagóxica inaugurada recentemente por Kalandraka. Os autores son licenciados en Belas Artes e artistas multidisciplinares, ademais de docentes na área de Expresión Plástica da Facultade de Formación do Profesorado da Universidade de Santiago de Compostela. Contan ademais coa colaboración de Rocío Modia no texto, unha das voces do alumnado en formación que viviron en primeira persoas as propostas que recollen.

"A arte rompe cos dogmas e a educación debería facer o mesmo", reivindica Branco

Cidrás e Branco entenden a arte como unha "forma de reflexionar sobre o mundo". O libro, explica a Nós Diario o segundo, funciona como o primeiro curso da Bauhaus —a histórica escola  de vangarda que revolucionou o mundo do deseño. De tal maneira, é un convite a cuestionar e deconstruír estereotipos como paso previo á creación per se, nunha achega reflexiva e conceptual pensada para público adulto, nomeadamente mestras, presentes e futuras, que consideren pertinente —senón urxente—  repensar os métodos convencionais de educación.

Ambos, segundo conta Branco, sufriron un forte choque ao atopar cos modelos educativos que se ensinaban na Facultade de Profesorado. Eles estaban afeitos a "aprender a través da creación", fronte a unha educación eminentemente "memorística", unha fórmula que bebe dos modelos instaurados na ditadura e que se atopa hoxe cun "déficit metodolóxico".

Eles estaban afeitos a "aprender a través da creación", fronte a unha educación eminentemente "memorística", unha fórmula que bebe dos modelos instaurados na ditadura e que se atopa hoxe cun "déficit metodolóxico"

Para Branco e Cidrás a arte é unha "forma de cuestionar o mundo, que nos ensina que todo se poder coñecer doutro modo". Precisamente, de aí a complexidade da arte contemporánea, que "desafía todas as perspectivas", un camiño que propoñen como horizonte para a propia ensinanza. "O primeiro que temos que cambiar somos nós", afirma Branco, en referencia ás propias docentes e ás prácticas que, en troques de promover a creatividade, a condenan á marxinalidade. É o caso da "metodoloxía reprodutiva", por exemplo das fichas de formas infantilizadoras, fronte á que eles propoñen un traballo "podutivo", na medida en que procuran que o alumnado cree a súa propia interpretación e reflexión sobre as cousas, en lugar de copiar o coñecemento das persoas adultas.

Entender as aulas como laboratorios

O proceso é fundamental nesta proposta que puxa por converter as aulas en laboratorios, en lugar de focar tanto as inquietudes nos resultados. O camiño é a investigación, a proba e, fundamentalmente, o erro, que "forma parte da aprendizaxe", sinala Branco, malia que moitas veces se intente fuxir del pola frustración que provoca. De feito, unha das principais dificultades que a aposta noutras maneiras de ensinar comporta é a propia reticencia dun alumnado habituado ás fórmulas máis convencionais, memorísticas e pasivas de ensino, asentado nesa metodoloxía de copia. "Cambiar de modelo é complexo", concede Branco, mais non por iso perde azos.  

"O primeiro que temos que cambiar somos nós", afirma Branco, en referencia ás propias docentes e ás prácticas que, en troques de promover a creatividade, a condenan á marxinalidade

Creatividade: un camiño cara ao diverso

Branco define a creatividade como a "capacidade de resolver problemas de maneira diferente á agardada". No polo oposto coloca a convención, que é "onde estamos nós". Esta estrutura pode supor un problema cando se acepta sen reflexionar e mesmo incorrer en "formas de opresión", na medida en que "es penalizado cando te afastas da norma". Fronte á homoxeneidade, a arte transmite unha mensaxe que redunda no heteroxéneo. Xustamente, Branco entende que "o gosto estético" permite "valorar a diversidade para desfrutar da riqueza". Así, cómpre un esforzo por comprender aquelas formas que non encaixan no modelo adulto do "cuqui". Trátase de "aceptar o estraño, o diferente", afirma.

É frecuente que o alumnado pregunte se é posíbel "aprobar sen saber debuxar". Os autores rebótanlle a cuestión: "Que é para vós un bo debuxo?"

Nesta liña apunta unha das experiencias que propoñen no libro. É frecuente que o alumnado pregunte se é posíbel "aprobar sen saber debuxar". Os autores rebótanlle a cuestión: "Que é para vós un bo debuxo?". Procurando exemplos, os padróns son de maneira maioritaria realistas, facendo fincapé nos criterios únicos deses estereotipos que nos atravesan. En contrapartida, eles ofrecen como referente unha ilustración de Marc Taeger que se afasta diso para colocar no debate outros conceptos importantes a respecto da estética, principalmente o de "estilo persoal, coa infinidade única e irrepetíbel que leva consigo".

Así, desde o "contexto do eu", a "estética implica activismo, xa que permite valorar o diverso e loitar por el", opina Branco, orixinando unha "resistencia contra os dogmas e o relato único, que hoxe representa o neoliberalismo". "A arte rompe con iso e a educación debería facer o mesmo", reivindica Branco.

A Escola Imaxinada: os coidados no centro

No blog Escola Imaxinada os autores ofrecen recursos, traballando as aulas desde a perspectiva do laboratorio, para o ensino. Unha caixa de contos, facer cinema ou fabricar pinceis da natureza son algunhas das propostas sinxelas, con elementos básicos, que poden empregarse nesas lóxicas doutra forma de entender e levar a cabo esa "escola imaxinada". "Unha escola que coloca os coidados no centro, como nos teñen ensinado os feminismos, e que leva esa actitude ao resto da vida", expresa Branco como ideal. E aí debe entrar tamén a educación artística, que "non son manualidades", insiste, senón, seguindo o ronsel de teóricos como John Dewey, "pensar coas mans, aprender a través da experiencia".  

Comentarios