1846: A revolución que continua

Postal Liga Galega
photo_camera Postal editada pola Liga Galega para conmemorar a inguración do monumento aos martires de Carral

A revolución de Abril de 1846 é o fito fundacional da loita de liberación nacional de Galiza no seu capítulo contemporáneo. Non é casual que do axitado século  XIX galego, rico en alzamentos, motíns e revoltas, só esta perdurase no tempo e chegase até hoxe con tanta nitidez. A isto axudou toda a tradición ideolóxica que nos é propia, manifestada na esfera cultural por unha pegada permanente que arranca de Manuel Murguía, pero o que o determina é o seu carácter e a súa disposición cara o futuro.O Abril galego non foi unha asonada cuartelaria tan ao uso, senón un explosión dun movemento que levaba cocéndose ao longo da década como resposta a instauración da política centralizadora do Estado liberal.

O provincialismo non foi arroutada, nin improvisación. Pensouse na Academia Literaria de Compostela, onde se estudaban os problemas de Galiza, debatíase sobre o socialismo utópico e impartíanse cursos sobre Fourier. Escribiuse en El Idolatra de Galicia, onde se repasaba a historia do reino suevo, ou o pasado celta do País; nas páxinas de El Porvenir atentos ás doutrinas sociais máis avanzadas, e tamén en El Recreo, La Aurora ou en El Centinela. Defendeuse con voz e pluma, porque provincialismo  era antítese da provincia, como circunscrición administrativa inventada polo liberalismo de tradición francesa, porque provincialismo, era provincia, como unidade galega diferenciada e oposta ao sistema centralizador.

O Abril galego non foi unha asonada cuartelaria, senón aexplosión dun movemento que levaba cocéndose ao longo da década como resposta a instauración da política centralizadora do Estado liberal

Antolín Faraldo é o faro daquela xeración galega adulta antes de tempo. Sabíase parte dun grupo que existía "para anunciar o que podemos ser, tentando dicir o que fomos”, pensou aquel presente galego e impugnouno para transformalo nun futuro de liberdade que nos emparentara co pasado de soberanía que estudaba e deu a coñecer. Na mellor tradición revolucionaria, reflexionou para a acción, e enfrontado á oportunidade da súa patria foi quen de levar o seu pensamento até as últimas consecuencias.Apartado nos últimos anos da súa vida de Galiza, deixou as primeiras pedras para que a   seguinte xeración  continuará a construír a casa que nos é propia, a revolución que comezou Faraldo está por facer.

O alcance da revolución de 1846 está testado na dimensión da represión que a seguiu. Se ben o groso das vítimas mortais producíronse ao longo das accións de combate naqueles vinte e catro días de abril, sinalándose moi particularmente os choques de Cacheiras e de Compostela, o asasinato do comandante Solis e de once mandos da súa tropa en Carral ficou como símbolo da represión. Un continxente importante de revolucionarios seráns desterrados por orde gobernativas ás colonias españolas de Cuba, Porto Rico, Filipinas e Marianas, e outra parte a diversos territorios da península. Unha parte significada do núcleo dirixente da revolta, entre eles Antolín Faraldo, remataran exiliados en Portugal, non podendo retornar ao Estado español até 1848, momento no que son amnistiados.

As palabras de Manuel Murguía referidas a Faraldo, sinalando que como defensor da existencia de Galiza como pobo con dereitos políticos, veu ao mundo antes de tempo, polo que o seu compromiso estaba condenado ao fracaso, podemos estendelas ao conxunto deste grupo. Porén a xeración seguinte recolleu a herdanza ideolóxica dos precursores, converteu aos fusilados de Carral nos seus primeiros mártires, reiniciou o desenvolvemento do discurso protonacionalista e promoveu o rexurdimento literario do galego. 

Comentarios