O Ano Francisco Fernández del Riego comeza en Lourenzá

Francisco Fernández del Riego. (Foto: RAG)
A Real Academia Galega estrea a sección dedicada ao homenaxeado.

O Ano Francisco Fernández del Riego comeza hoxe en Lourenzá (A Mariña), a vila natal do escritor, coa celebración do seu 110 aniversario. Na retirada das festas dos Reis Magos, a Real Academia Galega (RAG) dá inicio ás homenaxes do protagonista do Día das Letras Galegas 2023, "unha das grandes figuras da resistencia e a revitalización cultural do galeguismo despois da Guerra Civil". Así o resumiu o presidente da RAG, Víctor Freixanes, na tribuna de presentación da sección da páxina web da institución dedicada a Del Riego.

No acto desta tarde, organizado pola Mesa Coordinadora don Paco e o Concello de Lourenzá, o propio Freixanes pronunciará un discurso de inauguración sobre o calendario de celebracións arredor da traxectoria de Fernández del Riego. "Haberá que organizar e sistematizar a información dunha figura tan rica e tan lonxeva (97 anos), pensando sobre todo nas novas xeracións", indicou Freixanes. 

Ademais, no evento tamén se presentará a exposición 110 anos de Del Riego e un calendario biográfico, e continuará cun concerto de música antiga de Grupo 1500 e a actuación da banda da Asociación Cultural Osorio Gutiérrez no multiusos Ponte de Cuñas.

A celebración vén precedida da apertura da sección de academia.gal dedicada a Francisco Fernández del Riego. O académico Ramón Nicolás asina neste espazo o percorrido pola biografía dun home que “traballou incansabelmente polo noso país” e que “desempeñou un papel chave na vinculación do universo do exilio franquista e a Galiza do interior”.

“Cofundador da editorial Galaxia e doutras moitas iniciativas a prol da recuperación da lingua e a identidade [do país]”, o homenaxeado foi, enumerou Freixanes, editor, publicista, antólogo, ensaísta, narrador, político, etc. O presidente da RAG destacou entre as iniciativas de Del Riego "a invención do Día das Letras Galegas”.

A Primavera das Letras

Ademais, a propia RAG estende a súa programación máis alá do mes de maio. Unha das primeiras iniciativas que rpesentará no marco do Ano Fernández de Riego volverá ter Lourenzá como escenario. Alí, presentarase a nova edición de 'Primavera das Letras', a páxina web da RAG dirixida ao público infantil. Este vez as encargadas de contarlles a vida do homenaxeado ás crianzas serán a escritora Eva Mejuto e a ilustradora Lucía Cobo.