Anímaste a participar no vídeo-homenaxe ao Bravú cos Diplomáticos de Monte-Alto?

Os Diplomáticos de Monte-Alto precisan de ti! Así de claro convidan a participar nun vídeo que se gravará na Coruña e Vigo para celebrar o XX aniversario do Bravú. As citas serán a cuarta feira en Vigo e a quinta na Coruña. 

Diplomáticos
photo_camera Diplomáticos

Na noite de Santos de 1994, bandas de todo o país reuníanse na aldea de Viana en Chantada convocados polos Rastreros nunha noite inesquecíbel para quen partillou da xuntanza. Nacía un movemento ao que se ían sumar grupos de rock e outras iniciativas culturais que identificaban tamén unha maneira de ser, unha posición diante do mundo que respondía a un breve e contundente nome: Bravú. 

"Gravarase o 30 de abril en Vigo e o 1 de maio na Coruña e quérese presentar en Cans" 

O Bravú está de aniversario e vinte anos despois, os Diplomáticos de Monte-Alto, capitaneados por Xurxo Souto, están a preparar a celebración e, entre outras cousas, van gravar un novo tema para o que convocan a quen queira a participar na festa do Ano Bravú. Agradecen a quen queira colaborar que se sume á experiencia de aparecer no vídeo-homenaxe dos Diplomáticos que se gravará esta cuarta 30 de abril en Vigo, ás 19 horas na praza da Constitución e a quinta, 1 de maio na Coruña, ás 19 horas, na praza de Sellier (zona rúa do Orzán).  A idea é que a peza poda ser presentada no festival de Cans o próximo 24 de maio no marco dunha retrospectiva do movemento Bravú. 

A explosión cultural coas raíces chantadas no rural será neste ano protagonista de diversas iniciativas culturais, con especial presenza no festival Revenidas, ou no Castañazo de Chantada, o encontro musical máis xenuinamente bravú. En breve presentarase tamén a biografía sobre Os Diplomáticos de Monte-Alto da que é autor o xornalista Rodri Suárez. 

Comentarios