Intelixencia Artificial

VÍDEO | Ana Kiro 'revive' para representar Galiza no Eurovisión da IA con 'Florespiña'

Recreación da artista Ana Kiro nun fotograma do videoclip de 'Florespiña'.
Nesta obra creada con intelixencia artificial, que conta coa aprobación expresa e recoñecemento da familia, Kiro alenta os galegos e galegas a defenderen unha nova Galiza contra o sometemento, o conformismo e a autocompracencia. A Coruña será o 4 de novembro a sede deste certame, o AI Song Contest.

Florespiña é a canción galega candidata ao AI Song Contest, coñecido popularmente como o 'Eurovisión da Intelixencia Artificial' e que revive musicalmente a cantante Ana Kiro, falecida en setembro de 2010. A obra presentouse esta sexta feira no CiTIUS da USC e participaron no acto o director científico deste centro, Senén Barro; o responsábel da delegación galega no festival, Joel Cava; o encargado de produción musical, David Santos; o responsábel da produción técnica, Rubén Laso, e a responsábel de produción artística, Marta Verde.

Barro salientou que esta é unha "produción especial", sobre todo, porque na actualidade estase a falar moito dos aspectos negativos vinculados ao desenvolvemento da intelixencia artificial, mais este proxecto sería "todo o contrario" a iso. Pola súa parte, Cava detallou que quixeron facer esta canción para recuperar "unha figura tan importante" como a de Ana Kiro e para pór a IA "ao servizo da cultura galega".

O nome da canción, Florespiña, é unha homenaxe a Kiro, unha muller galeguista, progresista e feminista que defendeu "uns valores moi importantes nun contexto moi complicado", lembrou o responsábel da delegación galega.

Na miniatura do videoclip pódese ver a cara da cantante galega cuberta con toxos. Esta elección debeuse, segundo detallou Cava, a que é unha flor da Galiza que nace en lugares inhóspitos e é a primeira planta que nace nos terreos queimados. "É unha forma de representar ese rexurdimento galego, esa resiliencia como pobo que, a pesar das adversidades, sempre renacemos. Ana tamén tiña moito disto", precisou.

A candidatura galega presentouse esta sexta feira no CiTIUS. Foto Santi Alvite

O tradicional e o actual, da man

O que fan na canción é mesturar o tradicional co que hoxe en día escoitan os mozos e mozas, pero sobre todo ese regreso de Ana Kiro 13 anos despois pondo nos seus beizos palabras que nunca dixo.

Nesta obra, que conta coa aprobación expresa e recoñecemento da familia, Kiro alenta os galegos e galegas a defenderen unha nova Galiza contra o sometemento, o conformismo e a autocompracencia. Unifica tradición e modernidade dando pé a un estilo propio no que conflúen a verbena, a música tradicional, o trap e a electrónica.

Esta canción competirá directamente contra unha decena de finalistas de todo o mundo na final deste concurso internacional que decorrerá na Coruña o sábado 4 de novembro. Na edición do pasado ano Galiza foi segunda grazas ao tema Ai-Lalelo.