venres 24/09/21

Ana Domínguez: "Á maioría das entidades non lles interesa a revista se nela non se atopan artistas de renome"

Cando non existen canles de difusión hai que crealas. Foi o que pensou Ana Domínguez Abruñedo cando se decidiu a facer unha publicación en formato revista para dar a coñecer a obra de artistas que non tiñan oportunidade de mostrar o seu traballo. Xunto á súa compañeira Andrea Botella deu forma á iniciativa que leva por nome 'Abano'. Con dous números xa na rúa, o primeiro esgotado, son a proba de que acertaron.
Ana Domínguez Abruñedo cos dous primeiros números da revista 'Abano' (Abano Revista).
Ana Domínguez Abruñedo cos dous primeiros números da revista 'Abano' (Foto: Abano Revista).

-Como se xestou a revista 'Abano'?

A idea aparece en febreiro cando, tratando de buscar revistas artísticas, me decato de que nelas aparecen sempre artistas con carreiras moi avanzadas na industria, sen darlle unha oportunidade á gran cantidade de mozas e mozos que non posúen os seus contactos, mais si o seu talento. 

O nome de Abano xorde nunha conversación co meu pai, na cal divagabamos sobre a idea da revista e o abano de posibilidades que se abría con ela. Mais sabía que non podería facer semellante proxecto soa. Por ese motivo, a principios de marzo comenteille a iniciativa a Andrea Botella, unha compañeira de atletismo da miña infancia e grande escritora, que xa contactara comigo para outro proxecto.

A idea entusiasmouna e axudoume a contactar con moitas e moitos artistas que coñecía, así como a formar as bases do que agora é Abano. Xuntas, nun mes sacamos a edición número 0, que se esgotou rapidamente e fixo que ducias de novos artistas contactasen con nós para poder participar no proxecto. 

-Cal é o seu obxectivo?

Darlle ás novas e novos artistas galegos unha canle de transmisión para as súas obras, inspirar as nosas lectoras e lectores para explotar a súa vea artística, como fixemos co concurso da portada para a nosa primeira edición. Por último, que o noso público goce da arte local tanto como o facemos nós. Á súa vez funcionamos de intermediarias para que as e os creadores poidan coñecerse entre si, formando unha pequena comunidade, tarefa que coa Covid-19 se complicou moito, mais na que traballaremos cando a situación remate a pandemia.

-Teñen algún nexo común as creadoras e os creadores que participan na revista?

Todas elas son mozas e mozos que andan polos 20 anos e que teñen moitas ganas de sacar a súa arte máis aló dos seus cuartos. Á parte disto, a diversidade de modalidades artísticas que posuímos fan que todos sexan únicos no proxecto, o cal consideramos que é gran parte da súa beleza. Para que cada edición teña coherencia, desde a organización comunicámoslles un tema común que faga de eixo do Abano, para que daquela todas as obras que forman as súas pas teñan unha relación. Mesmo así tentamos que estes temas dean moito espazo para a imaxinación, razón pola que se converte nun conxunto de obras con interpretacións moi dispares ante un mesmo título.

-Faltan espazos de visualización a nivel galego para este tipo de obras?  

Sen dúbida. Non só non existen os suficientes, senón que puidemos observar na nosa procura de axuda para este proxecto como á maioría das empresas e entidades non lles interesa saber nada da revista se nela non se atopan artistas de renome ou se non se moven cantidades importantes de diñeiro.

Atopámonos así nunha encrucillada, onde queres dar visibilidade aos artistas e ás súas obras mais nin te aceptan noutras iniciativas nin ninguén te axuda a sacar a túa adiante. 

-Cal é a vontade de futuro da revista?

A nosa intención a curto prazo é seguir creando edicións e ir atopando novos artistas no camiño. Se o interese por parte do noso público é crecente tamén nos gustaría seguir aumentando os puntos de venda de Abano. Este obxectivo non nos parece que estea moi afastado da realidade, xa que da publicación número 0 á número 1 dobramos os puntos, estando actualmente en Vigo, Pontevedra, A Coruña e Santiago de Compostela. Por último, desexamos que no futuro todas as nosas lectoras e os nosos lectores sigan gozando da arte galega ao noso carón.

Ana Domínguez: "Á maioría das entidades non lles interesa a revista se nela non se...
comentarios