Xente nova e leña verde, todo fume é o título que Sara Casal e Uxía A. Pérez, ambas alumnas de cuarto curso da Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo, escolleron para a exposición que inaugura este sábado na libraría Couceiro (Compostela).
“Cando vas a unha galería, moitas veces as salas están baleiras. Isto é diferente, ou vés ou nada”, explica Pérez
Inauguración e clausura, porque contra o carácter das mostras que poden chegar a durar meses, estas dúas mozas decidiron que a súa fose unha cita concreta: de 17 a 21 horas. “Cando vas a unha galería, moitas veces as salas están baleiras. Isto é diferente, ou vés ou nada”, explica Pérez en declaracións a Sermos Galiza sobre a decisión desta identidade efémera que decidiron darlle ao seu traballo.
A mostra reúne, para alén das obras destas dúas estudantes, outras dez artistas noveis que se moven entre diferentes disciplinas, da pintura á instalación: María Alborés, Carolina Bouza, Cristina Chiarroni, Ramiro Elias, Juancho Everman, Ana Lorenzo, Lorenzo Negueruela, Lucía Otero, Sille Luiga e Bea Fernandes.
O fío condutor, como anuncia o acaído título, é “o que o resto da xente agarda da xente nova, enfrontado co que realmente somos”, resume Pérez
“A nosa idea era mesturar o refraneiro galego coa arte de vangarda”, conta Pérez. De tal xeito, cada obra vai ligada á sabedoría da tradición oral cun refrán que a contextualiza. O fío condutor, como anuncia o acaído título, é “o que o resto da xente agarda da xente nova, enfrontado co que realmente somos”, resume Pérez.
A idea da exposición xurdiu a partir dun traballo de clase que decidiron levar máis alá. Esta foi a súa primeira experiencia á fronte dun comisariado expositivo, e non foi doado, pois atoparon moitos atrancos pola falta de confianza na súa curta idade. Ademais, “non se trata dun espazo expositivo convencional”, polo que tiveron que facer un esforzo importante por se adaptaren a el.