Contracultura

Ana Carreira: "As nenas e nenos, se van ao teatro, queren divertirse, non só que lles deas unha lección"

Ana Carreira, actriz e pedagoga teatral, foi galardoada co Premio Manuel María de literatura dramática infantil pola súa obra Nin me amoles, onde mestura a presenza dalgunha criatura máxica co tratamento de temas fundamentais para a infancia. Carreira aborda temáticas como o acoso ou o feminismo, así como as características das obras dirixidas a crianzas, xa que como di ela, “se van ao teatro queren divertirse, non só que lles deas unha lección”. 
A actriz e pedagoga Ana Carreira (Foto: Nós Diario).
photo_camera A actriz e pedagoga Ana Carreira (Foto: Nós Diario).

Como xurdiu Nin me amoles?

Eu tiña un personaxe que utilizaba coas miñas alumnas nas clases de teatro que era un trasno e que non podía ver todo o mundo. Neste caso, hai un trasno que só pode ver Lola, a protagonista, e que a axuda a enfrontarse con personaxes que se meten con ela, por exemplo, unha veciña que intenta dicirlle como se ten que vestir ou un compañeiro da escola que a acosa.

Por outra parte, unha amiga contárame que cando era pequena lle encantaba que chovese porque iso significaba que a súa nai ía secala cunha toalla e que a ía apertar. Iso quedoume na alma e por iso é o final da peza. 

Coa axuda dos contos, as crianzas tamén poden aprender a enfrontarse a estas situacións, non?

Eu non pretendo ser moi pedagóxica no sentido máis estrito da palabra, mais si que hai unha parte diso. Nalgunhas ocasións non podemos deixarnos levar polo medo e temos que mostrarnos con fortaleza para enfrontarnos a alguén. Evidentemente é moito máis complicado, mais tamén creo que ás veces non temos que agardar a que nos axuden.

Por suposto hai que pedir axuda se a precisamos, mais, por exemplo, Lola é capaz de enfrontarse a este neno que a acosa cando está o trasno, porque actúa como punto de apoio, e cara ao final vaise decatando que é quen de enfrontarse a el sen esta axuda. 

Tamén hai outras cousas, como a ausencia da nai por mor do traballo, e eu intento contar todo con moito xogo, porque as crianzas son persoas intelixentes e até pode que lles estorbe se vas levando unha historia só pola liña pedagóxica.

Se van ao teatro queren divertirse, non só que lles deas unha lección. Eu non puiden ir recoller o premio, mais mandei no meu lugar a Melania Cruz e un texto no que falaba precisamente disto. 

Moléstame moito cando se di que a infancia é unha garantía de felicidade, como se non tivesen problemas. Dise iso como se fosen persoas que non razoan e que non se decatan do mundo, e por iso eu quero tratalas como persoas intelixentes. 

Tampouco hai por que facer algo completamente pedagóxico nin unicamente baseado no xogo, trátase de compor as obras con moitos recursos para que, cando menos, se divirtan e despois se lles queda algo na cabeza xenial. 

O xurado tamén salientou o afastamento dos roles femininos clásicos.

É unha cuestión que temos que estar vixiando continuamente, inclusive as persoas que somos conscientes da problemática. Temos unha educación tan metida e incrustada no corpo que eu mesma me dou de conta de que me teño que estar revisando continuamente porque é moi doado caer en algo que se leva facendo toda a vida. Os meus sobriños, que en principio non contan con esta educación sexista na casa, ás veces veñen do colexio dicindo cousas como que algo é de nenas, e mesmo nos debuxos animados podemos ver que é algo que segue a existir.

O que ocorre é que socialmente está velado, case manipulado, e non é tan evidente como estas situacións que digo. 
Eu mesma veño dunha familia numerosa na que somos catro irmáns e catro irmás, así que os roles están moi marcados e non é tan doado saír deles. Nesta obra o trasno di que non é nin trasno nin trasna, é o que quere, e leva saia igual que outros personaxes masculinos que escribín. 

Penso que ás veces é mellor facer as cousas efectivas que dar explicacións sobre elas, e se un neno leva saia é porque lle gusta, igual que se o fai unha nena. De feito, hai nenas ás que obrigan a pór saias porque están máis bonitas, sen ter en conta que debe ser a súa decisión. O peor de todo é que isto son as cousas máis superfluas, o que hai por debaixo é aínda máis grande.  

Comentarios