Os poetas que soñou Cunqueiro: A Universidade de Vigo edita unha antoloxía de poetas inventados polo mindoniense

O universo Cunqueiro segue deparando sorpresas. Talvez soñou máis que escribiu; mais neses soños atópase a cifra dunha personalidade multiforme, chea de abraio ante a variedade do mundo. Edítase agora unha antoloxía de poetas apócrifos que Cunqueiro imaxinou e aos que dotou dunha obra.
cunqueiro
photo_camera Álvaro Cunqueiro

Cunqueiro traduciu ao longo da súa vida máis de oitocentos poemas de catrocentos vinte poetas. Seguindo o seu rastro como tradutor podemos ler en galego nomes tan coñecidos como Ezra Pound, Ana Akhmatova, Henri Michaux, Emily Dickinson, Dylan Thomas, Yorgos Seferis… e outros menos célebres como Annie Crossband, Carlo da Marjolana, Pat Paterson ou Vittoria Merlino. Nestes últimos céntrase a antoloxía que vén de publicar a Universidade de Vigo, Cunqueiro XL

E, ben, se vostede non escoitou falar nunca destes autores, non dubide das súas lecturas: ninguén máis sabe nada deles. Xosé Henrique Costas, encargado da selección dos poemas, desvela que unha cincuentena deses poetas son froito da imaxinación sempre desbocada de Cunqueiro. Iago Castro, recompilador do volume Poesía 1933-1981 (Galaxia, 2011), xa advertía desta fantasía, mais só agora sabemos a magnitude que acadou a andrómena.

“Ao agruparmos os poemas traducidos”, explica Costas, “atopamos uns cincuenta autores dos que non sabiamos nada: consultamos bases de datos, especialistas de distintas universidades europeas… e fomos chegando á conclusión de que non existiron nunca. Ás veces, dabamos cun suposto poeta romanés cuxo nome non concordaba en absoluto coa onomástica do país, ou un hipotético poeta sueco con apelidos fineses… Comprobamos mesmo se había algún erro nas transcricións dos nomes e apelidos, mais descubrimos que algúns deses apelidos non existen en ningunha lingua: non existe, por exemplo, ningún italiano que se apelide Merlino”.

“Ao tempo” continúa, “detectamos cousas como que os primeiros versos dun poema atribuído á poeta Annie Crossband coinciden exactamente coas primeiras liñas dunha novela que Cunqueiro comezou mais que non chegou a rematar. E, fixándonos ben, identificamos na maior parte destes poemas os mesmos temas e teimas presentes na súa obra. É doado chegar á conclusión de que son poemas da súa man, que todo foi unha grande invención do seu enxeño”.  

Ficción e realidade unidas

A liña que separa a ficción da realidade adoita ser moi delgada, mais no caso de Cunqueiro hai que preguntarse se ambos os planos non se dilúen até conformar unha única cartografía que o de Mondoñedo percorría coa mesma familiaridade na literatura e na vida. E as reviravoltas dese itinerario sempre sorprenden: “Antonio Odriozola, colaborador e amigo de Cunqueiro”, relata Costas, “escribiu no Faro de Vigo un artigo no que afirmaba que unha suposta estudosa sueca presentara unha tese na Universidade de Estocolmo titulada As invencións de Cunqueiro. Pois ben: está demostrado que non existen nin a tese nin a autora. Estamos convencidos de que Odriozola –como moitos outros críticos– caeron na trampa que lles tendeu Cunqueiro, que chegou a inventarlle a esta especialista unha biografía e unha bibliografía”.

Para maior ironía, as invencións de Cunqueiro non se conforman con ter a imaxinación como piloto: tampouco renuncian a unha causticidade que xoga co culturalismo para parodialo e parodiarse a si mesmo: o equipo liderado por Costas, por exemplo, descubriu que Pat Paterson, autor do poema “Os dous homes”, é tamén o nome do protagonista dunha novela de Marcial Lafuente Estefanía.

Poesía e autoxustificación

Mais que se pode deducir de todo este xogo de máscaras que Cunqueiro lles deixa como enigma aos estudosos e ao público lector en xeral? Que se pode albiscar tras esta recreación lúdica que oculta ao tempo que desvela? Costas contesta que hai varios elementos a ter en conta. “En primeiro lugar, en Cunqueiro a imaxinación e o soño van sempre por diante da realidade. El, por exemplo, inventa uns poetas suecos aos que “traduce” entre 1965 e 1967, e anos despois, acomete a tradución de poesía sueca de autores reais: Lars Forsell, Harry Martinson… É o mesmo que fixo coas Crónicas do sochantre: primeiro imaxina a Bretaña e só despois pisa o país real”.

Existe outro factor: Cunqueiro estaba moi doído polas críticas que recibía censurándolle a falta de compromiso coa realidade e acusándoo de evasionista e descomprometido nun momento histórico en que a poesía socialrealista marcaba o paso da creación lírica. "Igual que el e Fernández Del Riego mantiveron un suplemento cultural no Faro de Vigo, escribíndoo practicamente todo e asinando con varios pseudónimos para dar a impresión de que había moita xente comprometida co estudo e a difusión da cultura galega", conclúe Costas, "o seu labor de tradución ten algo de xustificación da súa poética: presenta a enorme variedade de rexistros da poesía como un valor que hai que considerar en positivo: que fai, se non, traducindo poetas como Li Po, Queneau ou Ferlinghetti?".

Comentarios