Abre en Mondoñedo a casa museo do escritor

O lugar desde o que Cunqueiro ollaba o mundo

No segundo andar da casa onde residiu Álvaro Cunqueiro en Mondoñedo, ao seu regreso de Madrid na década dos 50 do século XX, hai un pucho orixinal de Merlín. Do Merlín de Merlín e familia, por suposto. No faiado, unha gravación dese cuco residente no bosque da Silva tan habitual nos seus artigos de prensa.
 

casa museo cunqueiro
photo_camera Imaxe dos últimos arranxos no interior da Casa Museo Álvaro Cunqueiro, en Mondoñedo. Foto: @Rearcomp_

Como acontece na propia literatura do mindoniense, non é seguro que estes tesouros sexan reais. Pero existir existen. Porque a imaxinación, mesmo a imaxinación desbordada de Cunqueiro, existe. É real. A Casa-Museo Álvaro Cunqueiro, na Praza da Catedral da recollida e fermosa vila onde nacera en 1911, intentará demostrarllo a visitantes e nativas. Esta sexta feira, 1 de marzo, día de San Rosendo, abre as súas portas.

“Máis ca un museo propiamente dito, é un centro de interpretación sobre Cunqueiro, acorde co modelo de turismo literario abondoso en Europa”, explica a Sermos Galiza o xornalista Xosé Manuel Salgado, encargado de elaborar os contidos da institución. É por iso que o curioso non atopará aquí a custodia do legado do escritor -o seu fillo, César Cunqueiro, entregouno o 28 de febreiro á Fundación Penzol en Vigo- pero si algúns obxectos importantes.

álvaro cunqueiro 2

No faiado da casa, de estrutura medieval e alicerces tardorromanos, está a máquina de escribir. Manuscritos. O seu escritorio. As célebres barallas coas que botaba o tarot. O Pedrón de Ouro e o Honoris Causa pola Universidade de Compostela. A lupa coa que lía nos últimos anos da súa vida (morreu en Vigo en 1981). Alí escribía, con vistas ao bosque de Silva, e alí sentía o cuco anunciar a primavera.

Mais o percorrido comeza no primeiro andar, cun audiovisual inspirado en Merlín e familia. A segunda sala está dedicada á obra literaria, esa que inclúe cimos da literatura galega da envergadura de As crónicas do sochantre (1956), Si o vello Sinbad volvese ás illas (1961) ou Herba aquí ou acolá (1980). Un vídeo recolle as consideracións ao respecto dos directores das Academias galega e española -Víctor Freixanes e Darío Villanueva-, do crítico natural de Mondoñedo Armando Requeixo, da novelista tamén mindoniense Marina Mayoral, do ex ministro César Antonio Molina e mais de César Cunqueiro.

De novo no faiado, unha sala expón o relato da familia de Cunqueiro e salienta, explica Xosé Manuel Salgado, o papel da súa nai, Dona Pepita, no desenvolvemento da capacidade fabulatoria do pequeno. Ademais, consérvase a cama do escritor. Nese andar hai tamén un espazo dedicado á lectura con variadas edicións dos seus libros e, como fío sonoro, lecturas en voz alta, algunhas do propio Cunqueiro.

Edificio singular


“A casa está construída sobre restos romanos”, explica Salgado, “e no interior conserva frescos tardogóticos. É un caso único en Galiza na arquitectura civil. A restauración quixo tamén valorar a singularidade do edificio. E estabelecer un paralelismo entre a obra de Cunqueiro e o inmoble: ambos os dous incorporan elementos variados de distintas etapas”. Son, ao cabo, unha síntese, territorio sen fronteiras epocais ou xenéricas.

A Casa-Museo abeirará, no baixo, un bar, a Taberna de Galiana. A conexión cunqueiriá é directa: “As tabernas son fundamentais para Cunqueiro. A de Galiana imaxinouna, a medio camiño entre Galiza e Bretaña, e mesmo pensou en escribir unha novela ambientada nela. Ao final non o fixo”.

O centro promóveo o Concello de Mondoñedo. Da súa materialización ocupouse, previo concurso, a empresa lucense Helem Servicios Multidisciplinares, S.L. “O propósito é que a xente que xa coñece a Cunqueiro poida dar con elementos novos de interese. E que a que non o coñece se faga unha idea da súa importancia”, conclúe Salgado.

Nota: Ávaro Cunqueiro nunha imaxe da Real Academia Galega.

Comentarios