xoves 21/10/21

Allariz celebra o décimo aniversario das escavacións na Cibdá de Armea

Hai dez anos comezaban as escavacións da Cibdá de Armea, en Allariz, e o concello celebrouno esta sexta feira cunha visita institucional que se suma ás actividades programadas con motivo da efeméride.

En primeiro termo, Cristina Cid, alcaldesa de Allariz (Imaxe: Nós Diario).
En primeiro termo, Cristina Cid, alcaldesa de Allariz (Imaxe: Nós Diario).

Representantes municipais, encabezados pola alcaldesa de Allariz, Cristina, Cid, visitaron na mañá da sexta feira as escavacións da Cibdá de Armea cando se fan 10 anos do seu inicio. Fíxoo acompañada dos protagonistas que, nesta década, participaron das intervencións, entre eles o equipo da Universidade de Vigo, encabezado polo seu reitor Manuel Joaquín Reigosa Roger.

“O proxecto da Cibdá de Armea é un bo exemplo do que significa recuperar o pasado para proxectar o futuro, recuperar un legado que herdamos dos nosos antepasados para asentar sobre el un proxecto integral de desenvolvemento patrimonial e turístico tan importante para Allariz”, sinala o concello nun comunicado de prensa.

Cristina Cid avanza que o Concello está a traballar para “adquirir novos terreos que permitan seguir escavando e sacar a superficie máis segredos deste xacemento arqueolóxico tan importante”.

O xacemento data do s.IV  a.C. ao II d.C. A maioría das pezas atopadas son fragmentos de cerámica cos que posteriormente se tenta reconstruír o obxecto orixinal.

Nós Diario entrevistou o equipo formado por Alba Antía Rodríguez e Patricia Valle -que dirixiron as sucesivas intervencións arqueolóxicas na Cibdá de Armea- e Adolfo Fernández -director científico do proxecto-. Os tres, investigadores do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Vigo, asinaron o fascículo sobre “A cibdá galaico-romana de Armea, no marco do coleccionábel ‘Confín dos verdes castros e valeroso clan!.

Tal e como expoñen na entrega estes tres especialistas, no xacemento identifícanse as murallas, os foxos e os parapetos, así como o monumento con forno ou sauna castrexa nas inmediacións. Entre a "plástica castrexa" atopada, destacan dous torsos de guerreiro, que levaron a considerar o Armea como un poboado da idade do Ferro.

Rodríguez, Valle e Fernández debullan na citada publicación a riqueza dos elementos arquitectónicos de Armea, que "poderían estar indicando unha sociedade podente cuxa riqueza podería deberse á explotación dos recursos mineiros do Monte Medo, unha das minas de ouro-estaño máis importantes do Noroeste". "Isto tamén podería explicar o seu desenvolvemento a inicios do séc. I d.C., xa como un núcleo romano impulsado polo interese de Roma na adquisición de metais, especialmente o ouro", defenden.

As vaixelas e outros elementos (como os vidros) que aparecen en Armea, a pesares de provir efectivamente de zonas afastadas como Italia ou o sur da Galia, non deixan de ser pezas habituais en calquera xacemento con cronoloxías entre o cambio de Era e finais do séc. I d.C. "Existe certo tópico de considerar a estas vaixelas como obxectos de luxo que non se corresponde coa realidade. Son pezas importadas pero chegan en cantidades importantes xa que son producidas de xeito industrial", informan.

comentarios