xoves 05/08/21
‘Confín dos verdes castros e valeroso clan!’

Adolfo Fernández: “A riqueza dos elementos arquitectónicos de Armea poderían estar indicando unha sociedade podente”

Alba Antía Rodríguez e Patricia Valle dirixiron as sucesivas intervencións arqueolóxicas na Cibdá de Armea, en Allariz, e Adolfo Fernández é o director científico do proxecto Armea. Os tres, investigadores do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Vigo, asinan o fascículo sobre “A cibdá galaico-romana de Armea. Unha nova entrega do coleccionábel ‘Confín dos verdes castros e valeroso clan!’.

adolfo fernández castro armega
Adolfo Fernández explica a Esther de Blas (vicerreitora do campus de Ourense), Susana Reboreda (decana da Facultade de Historia) e María Cristina Cid (alcaldesa de Allariz) uns achados na Cibdá de Armea.

A primeira pregunta, obviamente, é que a Cibda de Armea é un espazo habitacional romano, mais non un castro. A que se debeu que nun principio o asentamento fose considerado un castro? Está fechado ese debate cos datos dispoñíbeis na actualidade?

Supoño que a inclusión do termo de castro foi debido a unha tendencia por denominar así a xacementos situados en lugares elevados e que se atopaban fortificados. Cando foi clasificado como monumento histórico artístico designouse como castro descartando Cibdá, que era realmente como se designaba naquel intre.

 Armea sitúase nunha elevación sobre o val da Rabeda, organízase en terrazas mais non presenta elementos topográficos identificábeis con murallas, foxos ou parapetos. Tamén é posíbel que a presenza do monumento con forno ou sauna castrexa nas inmediacións e a aparición dun importante conxunto da chamada "plástica castrexa", incluídos dous torsos de guerreiro, levasen considerar o sitio como un poboado da idade do Ferro. Parece claro que temos que reformularnos estes conceptos xa que en Armea os novos elementos de plástica (trísceles, hexascele e rosáceas) recuperados con metodoloxía científica aparecen asociados ás domus de cronoloxía romana dos séculos I ao III d. C. 

Porén, non descartamos que exista en Armea un horizonte prerromano que podería situarse no entorno dos outeiros dos Fornos e dos Pendóns, onde non se fixeron prospeccións até o momento.

Non resulta estraño que mesmo sendo Armea unha zona habitacional non se atoparan -até o de agora- estruturas defensivas en pedra? Podería ser viábel un espazo cun espazo de procesado e fundición de metais que non tivera este tipo de estruturas "defensivas"?

O que temos atopado nos limites da zona onde se concentran os restos son muretes que soportan socalcos, sen ben é certo que no leste da Cibdá existe unha gran acumulación de pedra que podería corresponderse cun muro de maior entidade ou incluso unha muralla que non ten sido sondeado ata o de agora.

O barrio habitacional que podemos ver cando nos achegamos a Armea constrúese a finais do séc. I d.C., en plena época dos emperadores da dinastía Flavia. O espazo de función de refugallos de bronce atopouse baixo a rúa central do barrio romano. Porén, a cronoloxía atribuída a ese espazo no seu momento de funcionamento son ás décadas iniciais do séc. I d.C. No seu entorno máis inmediato atopamos varios muros que socalcan a ladeira que cae cara a zona onde pasa a vía mais non poden ser considerados como elementos defensivos.

A cronoloxía desta primeira ocupación da Atalaia coincide coa cronoloxía do xacemento do Monte do Señoriño, unha vivenda construída ex novo a inicios do séc. I d.C. ao pé da vía que podería ter contado con funcións administrativas. Estes datos lévanos a considerar que o lugar se desenvolve xa nun momento inicial da presenza romana no interior da Gallaecia, a finais do reinado de Augusto, se cadra polo interese da administración romana no control das explotacións mineiras da contorna.

A riqueza dos elementos arquitectónicos existentes pode indicar para Armea un centro administrativo -potencialmente rico- relacionado co tramo da vía romana que pasa ao seu carón? Se non é así, que outras teorías poderían encaixar nesta riqueza de elementos e de vaixelas de procedencia relativamente lonxe?

A riqueza dos elementos arquitectónicos de Armea poderían estar indicando unha sociedade podente cuxa riqueza podería deberse á explotación dos recursos mineiros do Monte Medo, unha das minas de ouro-estaño máis importantes do Noroeste. Isto tamén podería explicar o seu desenvolvemento a inicios do séc. I d.C., xa como un núcleo romano impulsado polo interese de Roma na adquisición de metais, especialmente o ouro.

 Como lle explico aos futuros arqueólogos galegos, as vaixelas e outros elementos (como os vidros) que aparecen en Armea, a pesares de provir efectivamente de zonas afastadas como Italia ou o sur da Galia, non deixan de ser pezas habituais en calquera xacemento con cronoloxías entre o cambio de Era e finais do séc. I d.C. Existe certo tópico de considerar a estas vaixelas como obxectos de luxo que non se corresponde coa realidade. Son pezas importadas pero chegan en cantidades importantes xa que son producidas de xeito industrial.

O realmente exclusivo e ao alcance de moi poucos eran as vaixelas en prata. Cando se comeza a producir estas vaixelas coñecidas como terra sigillata na zona da actual Rioxa (que imitaba aquelas da Galia e de Italia), chegan ao Noroeste por milleiros converténdose en pezas ao alcance de todos que se usaban e tiraban cando estaban escachadas.

Subscríbete

As subscritoras e subscritores recibirán as entregas do coleccionábel, de terzas a sextas feiras, cada día con Nós Diario, ben en papel ben para a lectura na nube, en función da modalidade elixida. Se non es asinante, podes sumarte en nosdiario.gal, ou ben podes reservar o diario en papel nos quioscos.

comentarios