Contracultura

Aida Saco: "Existe un espazo para vivir da música, pero, se non se atopa, unha ten que crealo"

Aida Saco, pianista e compositora de Rianxo, acaba de recibir a bolsa Fullbright do Ministerio de Cultura, que só concede unha a nivel estatal, para estudar música na Manhattan School of Music a partir do mes de xaneiro. Saco mostra o seu agradecemento ante tal recoñecemento e explica o complicado que resulta abrirse camiño no mundo da música. Ademais, a pianista reivindica a necesidade de que as institucións amplíen a programación de música clásica.
A pianista rianxeira estudará música en Manhattan. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A pianista rianxeira estudará música en Manhattan. (Foto: Nós Diario)

—Que sentiu ao saber que recibira a bolsa Fullbright do Ministerio de Cultura?
Non o esperaba. Pensaba aceptar a bolsa que tamén me concederon no Liceo de Barcelona, onde estudei o mestrado, e pasar un verán tranquilo, até que me chegou a noticia de que aceptaran a miña candidatura para estudar na Manhattan School of Music. Soliciteina como quen soña ao grande e ao final saíu ben. O mundo do piano é moi complicado, hai que pelexar sempre por uns obxectivos claros e ser insistente.

—A partir de xaneiro, continuará a súa formación con Solomon Mikowsky, un dos mellores pianistas a nivel mundial.
Unha das razóns polas que quero estudar alí é precisamente por dar clase con el; está considerado un dos mellores profesores do mundo e ten a fama de transformar o seu alumnado de piano en auténticos profesionais, dándolles o toque que marca a diferenza. Ademais, Solomon é unha persoa moi maior e seguramente a nosa promoción sexa das últimas que se gradúe con el.

—Ademais de pianista tamén é compositora. En que lle gustaría especializarse? Como visualiza a súa carreira musical?
Hoxe en día, o gremio musical estase a especializar moito e, dentro do mundo do piano, tamén existen moitos tipos de pianistas, polo que cómpre limitarse a un aspecto concreto. A min gustaríame formarme ao máximo para ser competente na faceta de composición de piano, para tocar as miñas propias pezas, e na de interpretación clásica. Ademais, tamén me interesaría participar na musicalización dalgún proxecto audiovisual, pero sempre enfocando a miña carreira como pianista compositora.

En canto aos estilos musicais, no referido á composición, gústame a música minimalista e a de banda sonora. Non habitúo compoñer música académica, por iso considero que as miñas dúas facetas se complementan moi ben, pois, mentres que a través da interpretación podo chegar ás obras mestras da historia da música occidental, a composición permíteme afastarme do mundo académico e potenciar a miña parte máis creativa e persoal.

A música é moi sacrificada e precísase contar cunha gran vocación e ter uns obxectivos moi claros para ser capaz de levantarse cada vez que unha cae

—Que lle diría a unha crianza que quere abrirse camiño no mundo da música co piano?
Cando se está fóra deste mundo, non se chega a saber o duro que é. A música é moi sacrificada e precísase contar cunha gran vocación e ter uns obxectivos moi claros para ser capaz de levantarse cada vez que unha cae. Supoño que lle diría que para levar a cabo unha carreira musical cómpre manter a felicidade e a estabilidade emocional distanciándose dos xuízos alleos e abrindo o camiño por vocación propia. Constancia, dedicación e non desistir nunca dos obxectivos.

—Como observa o panorama actual da música clásica?
Eu penso que hai sitio para todo o mundo. Quizais non todas as persoas que nos dedicamos á música temos que aspirar a ser concertistas ou solistas internacionais porque, entre outras cousas, eses postos non dependen só das nosas habilidades senón de diversos factores externos que non podemos controlar. Existe un espazo para vivir da música pero, se non se atopa, unha ten que crealo. Neste mundo non podemos esperar que ninguén nos veña abrir o camiño, temos que mostrarnos proactivas a probar distintas cousas e estar sempre en constante formación.

Tamén considero que, nos últimos anos, o nivel musical no panorama académico galego subiu en gran medida. Hai un gran nivel e as músicas e músicos contan cunha gran formación, e isto irá en aumento. Porén, gustaríame que se lle desen máis oportunidades á programación de música clásica de piano, e abrir esa programación a novos espazos; dalgunha forma "democratizala" e achegala á xente nova, pois é a forma na que a sociedade pode conectar con ela.

Comentarios