venres 15/10/21

"Ai, Pardiñas, dásme a vida"

Volve o Festival de Pardiñas, que decorrerá do 6 ao 8 e do 27 ao 29 de agosto en Guitiriz.
Unha imaxe de Pardiñas, durante o festival decorrido na edición de 2019. (Foto: Pedro Michelena Miranda/Festival de Pardiñas).
Unha imaxe de Pardiñas, durante o festival decorrido na edición de 2019. (Foto: Pedro Michelena Miranda/Festival de Pardiñas).

Feira, arte, música, festa, gastronomía… A perfecta fusión entre festival e “romaxe” chega unha vez máis a Pardiñas, en Guitiriz. A XLII edición do Festival de Pardiñas, un dos encontros máis agardados da Galiza, xa ten data fixada: decorrerá en dúas fins de semana partidas, do 6 ao 8 e do 27 ao 29 de agosto. E para ir facendo a boca auga, o día 1 realizarán un acto inaugural onde se darán a coñecer as actividades do festival. Esta presentación "será no Santo Alberte, onde todos os anos festexan a Festa da Faba", adianta para Nós Diario Alfonso Blanco, da asociación Xermolos.

42 anos de Pardiñas

Desde aquel primeiro festival que, baixo o lema "Vinde merendar a Pardiñas", decorrido en 1980, convocou a asociación Xermolos, a “Feira e festa da música e da arte” medrou a cada paso. Ao redor da música, teñen lugar máis encontros, como mostras de artesanía, exposicións de pintura, escultura, fotografía, cerámica, debuxo infantil, espazos de poesía, de narrativa, feira de libros, ou un dos pratos principais, a Mostra de artesáns de instrumentos de música tradicional. A suma de todos estes ingredientes converten Pardiñas nun evento cargado de creatividade. 

Adianto da programación do XLII Pardiñas

O Festival de Pardiñas neste 2021 botará a andar na sexta feira 6 de agosto, no campo da feira de Guitiriz, cun pregón especial a cargo da poeta e activista Luz Fandiño, quen estará acompañada dun dúo musical que interpretará os seus poemas. Após esta lectura inaugural haberá un concerto de música. 

A seguir, o sábado 7 de agosto, contarán cunha nova edición da xa clásica Mostra de artesáns de instrumentos de música tradicional, organizada pola Asociación de Gaiteiros Galegos, no fermoso campo da feira de Parga. A Mostra terá o seu pregón correspondente, un pasarrúas mais un concerto de música tradicional.

O domingo, día 8 de agosto, tamén no campo da feira de Parga, realizarán a Mostra de artesanía, un encontro "que sempre se facía no recinto do Festival, mais que este ano, polas condicións sanitarias, vai ser en Parga", comenta Alfonso Blanco. Á par, haberá unha exhibición de billarda, concertos, pasarrúas e máis actividades.

A segunda parte do festival de Pardiñas, que decorrerá na última fin de semana de agosto, arranca na sexta feira, día 27, no campo da feira de Guitiriz. Para este día teñen programado un concerto de música, xa cara a noite, "mais sempre respectando as condicións sanitarias e todas as medidas vixentes". No día seguinte, o sábado 28, a verdadeira protagonista do festival será a música rock, mais tamén os obradoiros que teñen preparados de graffiti, con xogos na rúa e brinquedos, "toda unha celebración da arte urbana na vila de Guitiriz", adianta Blanco desde a organización.

Entrega dos premios no XLII Certame Terra Chá

O mesmo sábado 27 de agosto, mais pola tarde, será a entrega dos premios do XLII Certame Terra Chá de literatura infantil e xuvenil, unha sesión "especial" dedicada ás nenas e aos nenos do festival. Nesta edicións os galardóns serán entregados pola familia de Xela Arias, poeta homenaxeada co Día das Letras Galegas deste ano, mais por outros autores e autoras convidadas. “Queremos que sexa unha homenaxe a Xela Arias e á súa familia, ao seu pai, Valentín Arias, que xa non está, mais que sempre viña a Pardiñas”. 

A XLII edición do festival “queremos dedicarlla ás aldeas de Pardiñas” porque “non podemos ir alí facer o festival, mais si que podemos levar pasarrúas”

O último domingo de agosto, que pon o ramo á XLII edición do festival, “queremos dedicarllo ás aldeas de Pardiñas” porque “non podemos ir alí facer o festival, mais si que podemos levar pasarrúas” para celebrar, comenta Alfonso Blanco. Deste modo, rematarán o encontro cunha sesión vermú e con máis música en directo na Casa das Artes. Toda unha homenaxe á veciñanza, pois “non nos esquecemos dela”.

"Pardiñas é unha familia", engade, "para nós o grande de Pardiñas é descubrir como están herdando esta romaxe", unha festa típica da Galiza que queren conservar en Guitiriz: "Vemos como a herdan as crianzas, a mocidade, de mulleres e homes que comezaron e que agora traen os seus fillos e as súas fillas ao festival", valora Blanco preguntado polo sentimento que lle transmite este encontro. "Queremos que sexa un espazo para todas as idades, para que todas teñan o seu momento" de desfrute. 

Pardiñas: tradición e arte como centro de vida

Un dos berros que soltan en Pardiñas todos os anos, “Somos un pobo de artistas”, mostra como “queremos ofrecer, e dar oportunidade, a todos os sectores da poboación para mostrar as artes e tamén os recursos artísticos, que temos”, engade. "As artes medran cando somos capaces de transmitilas, de compartilas, e queremos que Pardiñas ofreza esa oportunidade a todas as persoas" porque, afirma Alfonso Blanco, todas levamos unha artista dentro de nós.

"As artes medran cando somos capaces de transmitilas, de compartilas, e queremos que Pardiñas ofreza esa oportunidade a todas as persoas", conta Blanco

“Ai, Pardiñas, dásme a vida” é esoutro berro que botan no encontro, "mesmo neses momentos máis escuros". En Pardiñas "pensamos que a cultura non é unha escenificación afastada da vida, senón que a cultura ten que axudarnos a amañar os problemas" de cada día. "A cultura que se mama en Pardiñas crea igualdade, boa convivencia, crea comunincación" e iso dá saúde. 

Aínda coas reducións que teñen que facer desde a organización do Festival, procuran seguir mirando cara a adiante, sendo positivos, para que "non morra a nosa cultura, a nosa fala, a nosa construción de pobo que nos deixaron os nosos antepasados, desde as raíces", que temos que conservar, sobre todo, "como un agasallo para as novas xeracións".

Cartel de Pardiñas 2021

Cartel da XLII PardiñasA asociación Xermolos adiantaba estes días o cartel da que será a XLII edición do Festival de Pardiñas, a Feira e festa da música e da arte que enche Guitiriz de cor. O encargado do deseño é Jorge Pérez Polín, artista que "viu a luz cando se andaba argallando a primeira edición do Festival", comentan desde a organización. Un "activo de Xermolos" e tamén concursante no Certame Terra Chá". Agora toca agardar polas características camisolas do encontro.

comentarios