"Agustín Fernández Paz demostrou que é posíbel facer unha literatura universal na nosa lingua"

Conversamos co director de Edicións de Xerais. 

Manuel Bragado
photo_camera Manuel Bragado

Manuel Bragado é unha das persoas máis próximas a Agustín Fernández Paz. Coñecéronse hai máis de trinta anos e mantiveron unha relación, alén do persoal, no ámbito profesional. De facto, sen a sinatura de Agustín Fernández Paz "Xerais non sería entendíbel" como proxecto editorial, asegura. Neste senso, malia recoñecer a "perda irreparábel" que supón o escritor, Bragado subliña o seu legado, ducias de obras e unha aportación inmensa á literatura galega que fica aínda por alcanzar o seu máximo recoñcemento. " É un autor profundamente moderno, con obras moi elaboradas e que ten un enorme futuro", afirma. 

Foi un mestre no plano educativo e no literario

Comezaría polo principio. Cando coñeciches Agustín Fernández Paz?
Coñecino en 1981 cando eu era estudante de 5º de Pedagoxía e el membro do Colectivo Avantar. Un grupo de estudantes incorporámonos ao proceso de formación do que sería despois Nova Escola Galega. A partir de aí Agustín xa era un referente, partillamos distintos grupos de traballo desde que aprobei as oposicións en 1983 e mantivemos un lazo permanente. Creouse un vínculo que nunca rachou. 

E no eido profesional, como editor?
No ano 1990, cando entre como director de Edición de Xerais. É unha fortuna poder acompañalo no proceso de creación no que el era moi minucioso. Comezaba o seu traballo en fichas, unha ficha para cada capítulo. De aí pasaban ao que el chamaba 'libreta amarela', o primeiro manuscrito. Logo viña a fase de computador a partir da cal comezaba a partillar cos editores. Foi un mestre no plano educativo e no literario. Pasamos moitas horas de traballo compartido. Perdimos unha persoa que queríamos, é unha perda irreparábel, como a de todas as persoas, mais Agustín deixa unha comunidade de afectos, de lectores, unha obra extensa que vai ser cada vez máis valorada co paso do tempo. Será un clásico de entreséculos na literatura galega e unha das máis importantes da contorna estatal. 

Será un clásico de entreséculos na literatura galega e unha das máis importantes da contorna estatal

Xerais e Agustín Fernández Paz sempre estiveron unidos. Que significa para a editorial contar cunha sinatura como a del?
Xerais é un proxecto de profesionais da edición que lle dá un peso específico a todos os seus autores e nel, Agustín Fernández Paz é unha das trabes principais. Conta cun catálogo de maís de trinta obras. Dalgunha forma foi unha persoa que orientou o proxecto alén da actividade autoral. Foi editor sobre todo no educativo e no infantil-xuvenil. Xerais non sería entendíbel sen a súa aportación. Foi para nós unha peza moi importante. 

Nunha entrevista coa autora da tese doutoral sobre a súa obra, Eulalia Agrelo, falaba da primeira vez que liches 'Cartas de inverno'. Lembras aquel día?
Lembro e, de feito, Agustín deixouno reflectido no epílogo do libro a partir da 4ª edición. Foi un día pola mañá, el gostaba de erquerse cedo e antes de ir ao instituto trouxo o manuscrito. Tiven acougo esa mañá, lin a novela e ao mediodía xa o estaba a chamar para lle dicir que quedara estremecido coa historia de Adrián. Foi un libro moi grato para Agustín. A revisión do epílogo incluirase na 24ª edición que sairá con motivo da conmemoración dos 100 mil primeiros exemplares da obra. 

Xerais non sería entendíbel sen a aportación de Agustín Fernández Paz

Foron moitas as mostras de afecto e recoñecemento desde o día de onte mais nas capas da imprensa escrita apenas foi destacado o seu pasamento...
É entendíbel polo que está a acontecer co papel dos medios de comunicación e cos formatos. No ámbito dixital a acollida foi extraordinaria. Agustín era unha persoa antisectaria, inclusiva para a que o perímetro da aperta tiña que ser o máis amplo posíbel e iso foi recollido na rede. De feito, non puiden ler todo o que se publicou e iso é un éxito colectivo da comunidade leitora que el conformou. Débenos encher de esperanza, algo no que el sempre acreditou e ao que se referiu en Non hai noite tan longa coa cita de Shakespeare na que di que após a longa noite sempre aparece o abrente. 

Sinalabas, como tamén o fixo Eulalia Agrelo, que a súa obra será máis valorada co paso do tempo.
É un fío dun novelo do que hai que tirar. É un autor profundamente moderno, con obras moi elaboradas e que ten un enorme futuro. A literatura demostrou con el e con outros nomes como o de Manuel Rivas, que é perfectamente posíbel facer unha literatura universal na nosa lingua. 

É un autor profundamente moderno, con obras moi elaboradas e que ten un enorme futuro

Foi ademais unha persoa comprometida, coa lingua e co país.
Agustín é un galeguista que defendeu a construción nacional, ese proceso de construción colectiva, desde o ámbito educativo, da promoción da lingua, da creación literatia, da edición... Nunca desistiu e só podemos abeizoalo por ter feito iso. 

Sei que é difícil mais se tiveses que destacar unha das súas obras, cal sería?
É moi difícil para min iso. No acto cívico que terá lugar hoxe [no Salón de Actos do Tanatorio de Pereiró onde foi instalada a capela ardente] queremos que todo o protagonismo sexa para a súa palabra. A verdade ten unha obra diversa e para todos os públicos. Contos para pícaros como Laura e os ratos e outros como Aire negro, A viaxe de Gagarin ou Non hai noite tan longa que eran das que probabelmente estaba máis orgulloso. Non podemos esquecer o ciclo de libros de medo con Cartas de inverno e A neve interminable, obras sobre as que volveu a traballar durante as súas últimas semanas. Ou Contos por palabras que foi un libro que revolucionou a literatura infantil e xuvenil no ámbito peninsular. Nun futuro publicaremos a edición de dous libros de ensaio sobre os que estaba a traballar [inéditos], un arredor da literatura e outro arredor da lingua. Cómpre subliñar que a súa obra investigadora é moi importante tamén. 
 

Comentarios