A AAAG cre que é moi probábel un próximo peche dos teatros

O adiamento dos Premios María Casares preludia un agravamento da crise no teatro

A Asociación de Actores e Actrices de Galiza (AAAG) vén de adiar a convocatoria dos Premios de Teatro María Casares, que neste 2021 acadan a súa 25ª edición. O aprazamento da entrega de premios xa ten un antecedente na entrega de galardóns do ano pasado, no que os gañadores se deron a coñecer no mes de novembro, e non o 27 de marzo, Día Mundial do Teatro, como é habitual. Non obstante, existe unha diferenza: no 2020, só se aprazou a cerimonia de entrega, xa que todo o proceso de votación tivera lugar durante os meses de xaneiro e febreiro. Desta vez, será todo ese proceso o que sufra un atraso por mor da pandemia e das medidas sanitarias tomadas para paliar as súas consecuencias. 
Unha imaxe da gala dos XXIII Premios de Teatro María Casares ©AAAG
photo_camera Unha imaxe da gala dos XXIII Premios de Teatro María Casares ©AAAG

O aprazamento da entrega de premios xa ten un antecedente na entrega de galardóns do ano pasado, no que os gañadores se deron a coñecer no mes de novembro, e non o 27 de marzo, Día Mundial do Teatro, como é habitual. Non obstante, existe unha diferenza: no 2020, só se aprazou a cerimonia de entrega, xa que todo o proceso de votación tivera lugar durante os meses de xaneiro e febreiro. Desta vez, será todo ese proceso o que sufra un atraso por mor da pandemia e das medidas sanitarias tomadas para paliar as súas consecuencias. 

A AAAG decidiu adiar a convocatoria ante a os sucesivos impedimentos creados pola situación sanitaria. Por unha banda, as sucesivas restricións á mobilidade e aos aforos dos espazos culturais alteraron dunha forma moi importante a programación teatral de 2020 e, en consecuencia, os votantes dos galardóns tiveron moitas dificultades para ver os espectáculos estreados nese ano e emitir os seus votos. 

Pola outra, a incerteza que se estende sobre o sector para os próximos meses é aínda maior. Xosé Barato, da xunta directiva da AAAG, afirma que “pola información que temos, todo apunta a que a situación non vai estar en absoluto normalizada e, mesmo poñéndonos no suposto máis pesimista, hai posibilidades de que os teatros estean pechados durante un tempo. Daquela non ten sentido facer plans para celebrar un acto que, por natureza, é a ocasión en que toda a profesión se xunta”. 

A cancelación de todos os actos culturais en concellos como Ourense fai temer que outros sigan por esa vía.

Un novo peche dos teatros?

Non só se prevé que as restricións medren e que as dificultades para chegar ao público continúen a agrandarse, senón que a cancelación de todos os actos culturais en concellos como Ourense fai temer que outros sigan por esa vía. “É unha das ameazas que existen”, continúa Barato. “Nós levamos desde marzo pensando nas distintas continxencias que se poden dar e, ata o de agora, as cousas se desenvolveron algo mellor do que imaxinabamos: en marzo estabamos convencidos de que non se podería facer teatro durante todo o 2020 e, aínda que a situación dista moito de ser normal, si que houbo algúns elementos que permitiron que a profesión fose defendéndose. Agora hai que valorar os escenarios posíbeis e é moi probábel que os teatros se pechen durante algún tempo de aquí ao verán”. 

Algunhas voces suxiren que, para eludir o anunciado adianto do “toque de recoller” ás 20:00 horas, as funcións poderían adiantar os seus horarios para poder manter unha certa actividade, pero iso non evita máis que un dos problemas. “Todo vai moi unido”, di Barato. “Agora o debate está posto nese hipotético adianto do toque de recoller e, efectivamente, ese adianto podería salvar algunhas funcións. Mais hai que ter en conta que as restricións á mobilidade seguen en activo, en moitos casos dun xeito aínda máis taxativas, e iso impide que o público poida moverse entre concellos para acudir ao teatro: hai que ter en conta que as cidades reciben moita audiencia dos concellos veciños”.

“A nosa loita está centrada en axudar ás persoas que fan posíbeis as artes escénicas e a Agadic, desde o principio da crise sanitaria, insiste en manter unha visión moi estreita do que é a profesión teatral”, explica Xosé Barato, da AAAG

 

O papel da Axencia Galega de Industrias Culturais

Nesta situación, que de novo se prevé moi conflitiva para o sector, a Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic) segue mantendo unha posición que non coincide coas expectativas das profesionais: “A nosa loita está centrada en axudar ás persoas que fan posíbeis as artes escénicas e a Agadic, desde o principio da crise sanitaria, insiste en manter unha visión moi estreita do que é a profesión teatral”, explica Barato. “Xa desde a presentación daquel famoso Plan de Reactivación Cultural criticamos que todas as medidas estean dirixidas á distribución, ao desenvolvemento de actividades. Mais existen outras posibilidades que axudarían a soster a investigación e as estruturas empresariais necesarias para a actividade escénica. Se o que se pretende é manter o emprego, propiciar que as persoas que traballan nas artes escénicas poidan superar unha crise de enormes proporcións, hai que ver máis alá das funcións concretas. Hai que entender que a creación escénica é moito máis que unha función de teatro, que un espectáculo xa rematado, e apoiar todo o traballo que hai detrás dunha obra, desde a investigación até a formación dos profesionais”.

Malia que moitos concellos fixeron un grande esforzo por “recolocar” os espectáculos suspendidos durante os meses de confinamento, a AAAG considera que o período de parada entre marzo e mediados de xuño é un tempo perdido para as artes escénicas: “esa recolocación de funcións suspendidas ocupou o espazo de novas funcións”, continúa Barato. “Para actores e actrices foron meses perdidos e, aínda que a nosa profesión está moi afeita a moverse dentro da precariedade, a situación de moitas profesionais empeza a ser dramática. E a Agadic sempre se pechou en banda a poñer en marcha axudas ás traballadoras, non entende que a creación sen creadoras non é viábel”. 

Os premios

Os Premios de Teatro María Casares entregáronse por vez primeira en 1997 e dende aquela son o gran escaparate do teatro, así como a gran festa para todos os profesionais do sector. En total, os galardóns contan con 14 categorías: espectáculo, espectáculo infantil, actriz protagonista, actor protagonista, actriz secundaria, actor secundario, dirección, adaptación-tradución, texto orixinal, música orixinal, iluminación, escenografía, maquillaxe e vestiario. Durante a gala, entréganse o Premio de Honra Marisa Soto e lese o Manifesto Galego no Día Mundial do Teatro.

"Os premios non son só uns galardóns entregados pola profesión: son a ocasión de xuntarnos e mostrarnos como un colectivo cohesionado. Non ten sentido celebrar unha gala que prescinda dese papel que xogan os María Casares dentro do noso sistem cultural", remata Barato. 

Comentarios