Obituario

Achan sen vida o actor surcoreano Lee Sun-kyun, gañador do Oscar con 'Parasitos'

O seu corpo apareceu nun vehículo estacionado nun aparcadoiro de Seúl, e os primeiros indicios apuntan á hipótese do suicidio.
A Policía examina o vehículo no que apareceu morto o actor Lee Sun-kyun, en Seúl. (Foto: YNA / DPA)
photo_camera A Policía examina o vehículo no que apareceu morto o actor Lee Sun-kyun, en Seúl. (Foto: YNA / DPA)

O actor surcoreano Lee Sun-kyun (2 de marzo de 1975 - 27 de decembro de 2023), coñecido por encarnar Park Dong-ik na película gañadora de varios premios Oscar Parasitos, apareceu sen vida a primeira hora desta cuarta feira nun automóbil. Hai unhas semanas iniciárase unha investigación policial sobre o seu suposto consumo de drogas.

A Policía nun principio atopou Lee no que crían que era un estado inconsciente nun vehículo estacionado nun aparcadoiro do centro de Seúl sobre as 10.30 horas —hora local—, despois de recibir a denuncia de que escribira unha nota de suicidio e que o seu coche desaparecera, informa a axencia de noticias Yonhap.

O actor pasara por varias roldas de interrogatorios policiais sobre sospeitas de consumo de drogas, malia que el afirmou que o enganaran e que non sabía o que estaba a tomar. Deu negativo en distintas probas de laboratorio, pero a investigación tivo unha gran cobertura mediática sensacionalista no país e ficou no punto de mira da opinión pública.

Esta mesma segunda feira Lee presentara unha solicitude para realizar unha proba de polígrafo á Axencia de Policía Metropolitana de Incheon, encargada da investigación, alegando novamente a súa inocencia. Os primeiros indicios apuntan a un suicidio.

Lee Sun-kyun, de 48 anos, era un actor xa coñecido en Corea do Sur antes do éxito mundial de Parasitos (2019), a galardoada película de Bong Joon Ho que obtivo catro nos Óscar e fixo historia como mellor filme en lingua estranxeira gañadora do premio á mellor película. Previamente saltara á fama na serie de televisión Coffee Prince (2007) e gañou popularidade con Behind The White Tower (2007), Pasta (2010) e My Mister (2018).

Comentarios